Noticias 24 horas

ódalas mañanciñas adoito ver na TV este programa de actualidade. Hoxe tocaba como tema sobranceiro, o control do Goberno. A contemplación do salón de sesións do Congreso, produciume unha sensación mistura de depresión, ansiedade e medo, ao ver a tódolos deputados coa súa correspondente máscara ante virus, o mesmo que na rúa. Négome a admitir que as máscaras chegaron para quedarse.
Na sesión de control, máis do mesmo, nada novo que salientar, como sempre acusacións e réplicas máis ou menos axeitadas, por parte duns e doutros e, como temas a tratar polo miúdo, as corrupcións: gurtel, eres, 3%, financiacións ilegais e agora, disque para tapalo todo, a operación kitchen. Aquí non se salva ninguén. Non podían faltar as alusións a Franco e a súa ditadura que, aínda tantos anos despois, segue cabalgando. Digo eu que xa vai sendo hora de baixalo do cabalo..
Falan tamén as noticias dos incendios en California (USA), con unhas imaxes da terra queimada que encollen o ánimo. Tampouco aquí estamos libres, nos montes de Ourense levamos 9000 Ha queimadas. Seica a maioría dos lumes son provocados pola man dos homes á procura de dubidosos beneficios, ou por algúns tolos inconformistas, que habelos hainos, aplicando aquelo que di, “despois de min, o diluvio”.
Todo isto con ser moi grave, non é nada se o comparamos cos efectos demoledores do actual inimigo nº 1 que é o coronavirus: 30 M de contaxios e preto de 1M de mortos no mundo. No noso país, sorprendentemente un dos máis afectados, 600.000 contaxios, 30.000 mortos e medrando tódolos días. Da crise económica mellor non falar.
A solución, necesaria e urxente, pasa por un consenso a nivel mundial, España, Europa, o mundo enteiro contra a pandemia. E tempo de esquecer diferencias, aplicando un lema común: -Non Acusacións / Si Solucións- a adoitar por todos. Dito doutro xeito, xa o teño repetido aquí, non é tempo de acusacións que non conducen a ningures o que fai falta son solucións reais. Non hai outro camiño para combater a crise que nos afoga.
Dalgún xeito, este consenso global pasaría a ser unha fonte de beneficios para o futuro da humanidade, derivados, paradoxalmente, da pandemia mesma.

Noticias 24 horas

Te puede interesar