O mosteiro de Montefaro. Luces e sombras

 antigo mosteiro franciscano de Santa Catarina de Montefaro, situado nun sobranceiro lugar da península de Bezoucos, a máis de 260 metros sobre o nivel do mar, constitúe un dos principais bens do Patrimonio Cultural da comarca de Ferrol, sendo o monumento máis importante do concello de Ares. Aínda que algúns autores falan da existencia de construcións anteriores, foi o ano 1393 cando se comezou a levantar o convento franciscano, patrocinado pola Casa de Andrade, dentro da transición do estilo románico ao gótico. 
Desde entón o mosteiro foi un histórico centro de control eclesiástico exercido polos monxes franciscanos sobre una ampla zona, sufrindo sucesivas reformas nos séculos XVI ao XVIII, engadindo novos claustros e construíndo unha nova igrexa dunha única nave cunha sólida torre barroca. Trala desafortunada desamortización de Mendizábal, o conxunto conventual pasou o ano 1897 a ser utilizado polo Exército de Terra, feito que evitou o seu espolio pero tamén alterou parte das súas características construtivas. 
Da súa primeira época as penas conserva os restos da notable portada de entrada á sala capitular con capiteis historiados e arquivoltas apuntadas. Son de gran interese as desleixadas pinturas murais renacentistas do claustro oriental e o descoidado retablo barroco da igrexa, con boas tallas e unha prolixa policromía. Ademais da existencia dunha serie de restos arrombados por diversos lugares do edificio, cumpre lamentar o traslado (porque non chamarlle espolio ?) no seu día ao Museo Arqueolóxico da Coruña dun conxunto de notables pezas artísticas, caso dun amplo escudo dos Andrade, un porco bravo rematado coa cruz florenzada e unha serie de capiteis historiados, un deles cun anxo gaiteiro.
Unha vez desafectado polo Ministerio de Defensa, o convento de Montefaro foi cedido ao concello de Ares que, logo da súa pouco afortunada actuación inicial, deixou a súa posta en valor a unha asociación cultural. Aínda que non foi a solución ideal, os Amigos do Mosteiro de Montefaro favoreceron a visita das dependencias do mosteiro, manténdoas nun discreto estado de conservación, mentres levaban a cabo algunhas actividades culturais no mesmo e editaban unha publicación periódica con novas relativas ao antigo convento franciscano.
Nestas datas anúnciase a apertura dun Centro de Interpretación, moi sinxelo, no cabildo do convento, configurado arredor dun moble expositor con diversas pezas escultóricas que formaron parte do mosteiro. Ademais da necesaria mellora dos actuais accesos a Montefaro, especialmente a subida desde o concello de Mugardos, e da mala sinalización en xeral dos mesmos, é imprescindible levar a cabo un serio Plan Director de Xestión e Usos do convento, que inclúa as obras necesarias de rehabilitación e restauración, dentro do debido rigor histórico e o obrigado respecto a súas características, así como a posterior posta en valor do monumento.
Entre os temas prioritarios a resolver está a restauración das pinturas murais renacentistas do claustro oriental; unha axeitada actuación sobre os claustros; a rehabilitación da capela, incluíndo o seu notable retablo e súas imaxes; e a reparación dunha serie de estatuas de pedra e outras pezas repartidas por diversos lugares do edificio. Dese xeito a Xunta de Galicia podería falar con rigor da apertura pública do mosteiro e do seu Centro de Interpretación.
O concello de Ares que, como moitos outros ao longo de Galicia, nunca se distinguiu pola protección do seu patrimonio cultural, ten aquí unha ocasión para poñer en valor o notable mosteiro de Montefaro. Para iso debe complementala a posta en valor de Montefaro coa ermida de Chanteiro, ligada historicamente ao mosteiro desde época medieval, e coas instalacións militares do próximo Alto da Bailadora, un excelente miradoiro atlántico, ademais de recuperar totalmente as notables pezas escultóricas e heráldicas do antigo convento, levadas o século XIX ao Museo Arqueolóxico da Coruña
Recentemente senllos traballos, un deles obra conxunta de C. de Aracil e J.J. Burgoa, e outro da autoría de J.A. Carneiro, ámbolos dous publicados o ano 2015, describen polo miúdo desde o punto de vista histórico e artístico o mosteiro de Santa Catarina de Montefaro e as súas dependencias.    
 

O mosteiro de Montefaro. Luces e sombras

Te puede interesar