De persoas e proxectos

|

Facerme sentir ben, sen premeditación nin aleivosía, é privilexio de moi poucas persoas; xusto daquelas que manexan con destreza os afectos, e xeran esa especial empatía que acaba por facernos cómplices e habitantes ilusionados deses mundos especiais, no que non existen disidencias nin distancias.
Hai persoas coas que resulta doado entenderse. Persoas coas que compartimos códigos e mensaxes, dende o primeiro instante no que aparecen na túa vida. Ou dende a primeira palabra que lles escoitas, que cae no teu ánimo como se formara parte, dende sempre, da túa propia historia. Sentirse parte de algo é ter ese latexo especial que axuda a construír proxectos novos. Que axuda a combater por ideais cargados de causas perdidas, pero tamén de amplas expectativas altas, con palabras grandilocuentes de peso específico sobradamente demostrado.
Empezan, no horizonte político, a conxugarse agora fórmulas para conciliar persoas, proxectos e partidos. Reformular, reorientar e redefinir son termos que teñen en común o peso da frustración pola ambición fracasada, pero tamén a lixeireza da expectativa dos ceos por conquistar. Os inicios dos procesos son sempre felices e doces. Sempre se di aquilo de falar de proxectos e nunca de persoas. Pero as batallas polo poder, son guerras crueis onde todo vale para gañar o combate. O control das executivas, o reparto de áreas de influencia, e os equilibrios internos, son similares tanto nos chamados vellos partidos, como nos partidos novos. Uns e outros, comparten materia prima: homes e mulleres con ilusión e vocación, e liderados que precisan definición e proxección, para encabezar proxectos de amplo recorrido. Tanto no amor coma na guerra, somos peóns, taboleiros e exércitos marcados polas feroces feridas dos afectos.

De persoas e proxectos