Repensar Europa desde aquí. Esta é a finalidade marcada polos organizadores do novo Congreso de Estudos Internacionais de Galicia; o segundo que lidera o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional na súa labor de colocar ao noso país no contexto dos grupos de influenza na escena planetaria. Unha entidade de base, o IGADI, que está afastada dos recursos públicos e do recoñecemento institucional que por xustiza corresponde ao seu papel e, a súa vez, sobranceira dunha participación de colaboradores e dun voluntariado desinteresado que fai do seu traballo e publicacións unha auténtica acción “para ser nós no mundo”; misión á que ten renunciado, na xestión da súas competencias, o goberno galego. Por iso, na conmemoración do aniversario e lembranza do fito histórico da participación de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas, abandeirada por Plácido Castro na Xenebra de 1933; a cita convocada na Facultade de Ciencias Sociais e a Comunicación do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo “pretende abrir un espazo de reflexión para pensar Europa desde aquí, a partires da nosa propia experiencia, necesidades e intereses”. Coñecemento, intelixencia e neuronas galegas para idear un futuro alternativo co que saír da encrucillada actual; e dicir, “suxerir propostas, diagnósticos, estratexias e marcos de actuación que permitan un maior aproveitamento das posibilidades que brinda Europa para afondar no noso progreso e benestar”.
Sen dúbida algunha, Europa está “inmersa nunha crise económica que se prolonga cunha grave crise social e humanitaria, coa súa política exterior cuestionada nun contexto global de afondamento das incertezas e con desafíos políticos vellos e novos por encarar”; unha institución que seis décadas após a sinatura dos tratados fundacionais vive un dos momentos de confusión. Velaí a cuestión do presente e futuro do euro, do déficit democrático e a toma de decisións, das alternativas á crise co tratamento dos aspectos relacionados coas políticas sectoriais, fondos estruturais, política industrial, aforro enerxético e política fiscal. Asuntos, entre outros, que se abordaran por expertos neste encontro sobre a política continental. Con énfase especial na Europa do benestar, a inmigración, o sindicalismo na UE, a cidadanía europea, a diversidade cultural, a protección das linguas e culturas minorizadas, os valores socias e as políticas educativas. Baixo o símbolo do Camiño de Santiago, senda da vontade de construír un “espazo común que responda aos intereses dos cidadáns” e dos pobos europeos.