PASCUAL

|

Teño aprensión ás novelas feitas película ou serie televisiva. Porque adoitan ser cousa ben distinta ao que foran. Por máis que ás veces unha novela frouxa, así “Lo que el viento se llevó”, de Margaret Mitchell, dese espléndido filme. Mais isto non é a norma. Poisque a linguaxe narrativa ten pouco que ver cos seus correlatos cinematográficos (ou televisivos). Ou teatrais, que onde quero chegar hoxe, pois veño de ver a versión escénica, asinada por Gerardo Malla, de “La familia de Pascual Duarte”, de Camilo José Cela.

E o conto é que o resultado non deixou de prestarme. Porque o escenario, inmenso, sen telón, do Teatro Fernán Gómez (de Madrid, enténdase), é para o caso sorte de plató cinematográfico, onde recriar o camiño criminal, sen volta, do extremeño Pascual Duarte, encarreirado desde mozo a un inevitable “garrote vil”. Ao que o levan no de-senlace “naturalista”, tan ben deseñado por Malla, as testemuñas das súas falcatruadas. Fai de Pascual Duarte, “Yo, señor, no soy malo aunque no me faltarían motivos para serlo”, Miguel Hermoso. Un Pascual tremendísimo, apoiado na voz fonda de home feito, de Miguel.

Un Pascual que, non obstante, véxase o seu desconcerto diante de Gregorio, o xefe da estación de Don Benito, recén saído do cárcere de Chinchilla, ten tamén sabedoría lírica. Así o seu artífice, aquel Cela tan desconcertante como este Pascual Duarte, español desconcertado. Talvez, se cadra, pleonasmo.

 

PASCUAL