18 de xullo, data do comezo da Catástrofe

|

Todo o mundo sabe que o dezaoito de xullo de 1936 comezou a maior catástrofe da historia de España. E foi catástrofe total porque para o ditador unha guerra civil é tanto máis eficaz canto máis longa, convertida en data gloriosa.
Houbo negociacións de paz, incluso interveu o Cardinal Pacelli, futuro Pío XII, para acurtar a guerra fratricida, mais Franco non quixo e o seu valedor, cardeal Gomá, coa representación do amo, levou ao Congreso Eucarístico de Budapest, maio de 1938, a seguinte escandalosa encomenda da duración da guerra fratricida: “A guerra non parará até o exterminio total do inimigo”. E aínda se parara un ano despois..., mais non, o exterminio seguiría moitos anos máis, que quedaron na memoria con nomes ben amargos para os vencidos: “longa noite de pedra”, “o tempo das tebras” “anos do silencio”, “anos sen memoria e de esquecemento”, “o pasado que non quere pasar”.
Neste tempo funcionou o exterminio libre, e, ao mesmo tempo, Franco firmaba sentencias de morte coa convicción de estar axudando a Deus e a Igrexa a eliminar apóstatas.
Mentres tanto nós rezábamos polo “ducem nostrum”, como o mesías salvador. Mais chegaron os anos da democracia e xa levamos un tempo nunha confortadora convivencia. Emporiso os que seguen a gobernar “en funcións” non queren que fagamos esta memoria, mais hai un pasado que non quere pasar, pois como nos recorda Gregorio Morán no seu libro El precio de la Transición as palabras do francés Maurice Halbwaschs antes de morrer no campo de concentración: “un hombre que se acuerda de lo que los demás no recuerdan, se parece a quien ve lo que otros no ven’. O no quieren ver”.
Eu ben sei que aínda hai moita xente con apego á aquela época ignominiosa, e é por iso que con esta historia non fago máis que colaborar na Memoria Histórica de facer xustiza con tantas vítimas co ánimo de cimentar ben a paz na xustiza.
Algo disto quixo facer a Lei da Memoria Histórica no ano 2007. Fixo súa a condena do réxime franquista da Asemblea Parlamentar do Consello de Europa (PACE), o 17 de marzo de 2006, que cambiou de raíz esta data para convertela en todo o contrario:
18 de xullo Día oficial da condena do réxime de Franco. “A Asemblea Parlamentar condena con firmeza as múltiples e graves violacións dos Dereitos Humanos cometidos na España polo réxime franquista de 1939 a 1975.
Subliña que a violación dos Dereitos Humanos non é só asunto interno, pois a comunidade internacional está tan interesada nesta cuestión como os mesmos españois.
A conciencia da Historia é unha das condicións previas para evitar que se repitan os erros do pasado.
A avaliación moral e a condena dos crimes cometidos xoga un papel importante na educación das xoves xeracións.
Esta Asemblea pide unha declaración oficial de condena internacional do réxime de Franco e declara a data do 18 de xullo de 2006 como” Día oficial de condena do réxime de Franco no 70º aniversario do golpe do Estado e o comezo da guerra civil en España”.
Esperemos que esta condena sexa efectiva con todas as súas consecuencias na nosa sociedade, co cambio dos nosos gobernantes.
Cando estaba a escribir estas letras chega a desgraciada nova do pasamento do labrador da lingua galega, Agustín Fernández Paz. Estamos de loito os seus amigos e milleiros dos seus seguidores de todo o mundo, sobre todo as nenas e nenos, mozos e mozas que o seguían con tanta ledicia nas súas historias e contos ao traveso de tantos libros como leva escrito.
Ademais da súa literatura coñecemos a súa loita por Galicia e súa bonhomía transmitíanos a conciencia de que “só se pode ser universal dende as propias raíces, como seixo como pedernal”. Agustín seguirá no noso corazón.

18 de xullo, data do comezo da Catástrofe