Días de fútbol

Lembro que de neno era moi, moi do Racing. Moitísimo. Un auténtico “hincha”, como diciamos daquela, non só porque falásemos en español, senón porque seareiro -un deses inventos que tan pouco me prestan- non existía. Porque de ter vida empregaríamola igual que esmagar ou fuchicar, que tampouco eran palabras españolas. Non era un hooligan, porque nunca gustei dos actos vándálicos, mais si un torcedor, ese fermoso termo que usan os brasileiros. Aínda que hinchas ou torcedores tamén armen broncas. O que non podo precisar é ata que nivel chegaba a miña paixón polo equipo. Sería deses adeptos que din ir a morte polas súas cores? Penso que non. Desde logo non o son desde que fun quen de racionalizar as cousas. Téñome alegrado ou entristecido por resultados deportivos, e moito, mais non recordo que ningunha desas situación chegase a alterarme o sono.

Xa teño referido, en máis dunha ocasión, os apedreamentos ao autobús que, cando xogaba o Deportivo na casa, levaba a Riazor a membros da Peña Deportivista ferrolá. A miúdo coincidíame ver ese autocar na praza de España -ao pé do edificio que albergou Ola, mesmo cando era un solar a campo- camiño do estadio do Inferniño para ver o Racing. Os autores, obviamente, eran hooligans ou simples gamberros, e a min aquilo non me facía graza ningunha. Aínda que tampouco vía con bos ollos que xente de Ferrol mudase o Racing polo Deportivo, o noso maior “inimigo” nos casos de enfrontamento. E non só. Mais, ás veces, as cousas cambian. “Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades,”, que, hai máis de catro séculos, dixera o grande Camões.

Porque neses anos, comezo da década dos sesenta, a Ferrol nin chegaba a televisión, para, sin que sexa o mesmo, que non o é, podermos ver fútbol do de verdade. E algo diso, como puiden constatar algunha vez, si se podía ver en Riazor e os daquela peña querían velo. Os racinguistas tiñamos que nos conformar con moito mal xogo, como era o daquela terceira división.

Cando comecei a traballar na Coruña -hai 45 anos- e, sobre todo, cando instalei o meu domicilio nela empecei a asistir a partidos do Deportivo, logo fíxenme socio, accionista e, despois, como non, torcedor. O que non impediu que seguise mantendo o meu carnet de socio do Racing e acudindo a velo xogar nos campos do Inferniño e da Malata, ata hai catro ou cinco anos. As circunstancias fixeron que case nunca tiveran que enfrontarse en partido oficial. Cando, hai 40 anos, se enfrontaron en 2ºB, como agora, era só socio do Racing e, obviamente, torcía por este. Mais non foi o mesmo naquela eliminatoria da Copa a partido único xogado na Malata o 5 de novembro de 2002, no que, porque cadrou así, gañara o Deportivo no último suspiro.

Fora un magnífico partido, cheo de xogo e emoción ata o pitido final, deses que deixan contento a todo amante do bo fútbol, á marxe do resultado.  É, mesmamente, o que querería ver hoxe: fútbol a esgalla e que gañe o que máis merecementos faga. Viva o fútbol.

 

Días de fútbol

Te puede interesar