Diagnose correcta e solucións anecdóticas

A nosa nación perdeu 10.825 habitantes o último ano. Considera o conselleiro Rey Varela que para explicar este recuar, “as causas económicas e de emprego son fundamentais, aínda que hai outras  importantes como as que teñen que ver coa conciliación, a fixación da poboación no rural, as axudas ás familias”. 
Coido que é unha diagnose correcta. Porén o presidente da Xunta, na súa valoración, aínda que fala de alentar unha inmigración controlada, fixo fincapé nas medidas tomadas polo seu goberno para atraer fillos/as de emigrantes. 
É como comezar a casa polo tellado. Polo que, entre a radiografía e as propostas existen contradicións demasiado evidentes como para que dean resultados positivos.
Como recoñecía Rey Varela, temos unha porcentaxe moi alta de desemprego, malia que a  emigración axe como un mecanismo redutor. Entón, que sentido ten atraer inmigración sen dar solución primeiro a un déficit de emprego tan forte? A non ser que o obxectivo sexa potenciar o aumento da man de obra de reserva para premer moito máis á baixa as condicións laborais.  Ademais, segundo os analistas, nos vindeiros anos a robotización seica terá un efecto devastador no emprego sobre moitas actividades, supoño que especialmente ás ligadas á industria transformadora e aos traballos máis mecánicos. 
Asemade, aos problemas derivados da falta de emprego (agravados polo aumento da xornada en negro e dos ritmos de traballo), hai que sumar: a redución dos salarios, nun 18% como media na franxa inferior da clase traballadora durante a crise (axuste), e que máis de 70.000 familias galegas teñan todos os seus membros no paro. 
Tampouco é unha cuestión menor o sub-emprego e a temporalidade e rotación estrema nos contratos. 
Quen vai ter fillos e fillas nestas condicións? Como non vai baixar a natalidade cando unha gran parte da mocidade emigra? O goberno galego debe axer en coherencia cos diagnósticos, e deixar de escenificar que toma medidas eficaces, cando non é así, como con seguridade saben. 
A queda das rendas do traballo, e a perda de peso de Galiza en PIB e habitantes con respecto ao Estado español confírmano. A subordinación dá estes resultados.

Diagnose correcta e solucións anecdóticas

Te puede interesar