FÚTBOL

|

Como levo unha tempada practicamente inmóbil, froito dunha importante carencia de ferro -preciso de transporte “de puerta a puerta”, nome daquela empresa da miña infancia, ou non podo ir a ningures-, o venres aproveitei para ver o partido da selección española contra a de Bielorrusia.
O que a priori parecía que ía ser un partido sen maiores complicacións, onde se puidese ver algo de bo xogo, converteuse nun espectáculo aburrido. Desde o principio. O centro do campo non era quen de distribuír a pelota con facilidade e os homes máis adiantados non atopaban oco ningún na ordenada defensa bielorrusa. De feito acabamos sen saber se o porteiro era bo, malo ou regular. Nos dous goles que encaixou nada puido facer, nin el nin ninguén no seu caso.
O de Xavi foi un forte disparo raso por entre un lote de xogadores que non para ningén. E o cabezazo de Negredo outro tanto do mesmo. En definitiva, un partido para esquecer, o que non é obice para que a xente gozase nas gradas de Son Moix como se estivese presenciando o mellor partido da historia: o que pode o fanatismo.
E mentres vía todo aquilo pensaba: onde se meterá toda esa xente cando hai manifestacións en defensa da sanidade e da educación públicas? Había tempo que non vía xogar a selección e a verdade é que a vin lonxe da dos seus mellores tempos. É algo que veño detectando tamén no Barça, se ben a este procuro velo tódalas semanas e téñoo máis controlado.
Luís Aragonés, cando gañou a Eurocopa 2008, tiña un modelo de equipo e de xogo perfectamente definidos e con garantías. Vicente del Bosque, cun sólido currículo nas costas –nada menos que dúas Campions League co Real Madrid nos comezos do milenio–, en boa lóxica, continuou co esencial do sistema, similar ó practicado polo Barça, de onde procedía o armazón fundamental da selección. O último ano de Luís como seleccionador foi o primeiro de Guardiola como adestrador do Barcelona.
Nesa Liga, previa á Eurocopa, o xogo do conxunto catalán causou sensación a propios e estraños. Os xogadores culés seguían sendo o eixo do equipo e como non se ía transmitir iso ó xogo da selección? Un xogador pode adaptar con facilidade o seu  estilo a un conxunto, mais un grupo nutrido, máxime determinante, é máis complicado.
De feito o sistema de xogo da selección foi impregnándose pouco a pouco do xogo do Barcelona. Del Bosque –nada que ver este fútbol co que practicaban os galácticos que dirixía–, satisfeito cos resultados, segue mantendo este esqueleto barcelonista arroupándoo coas características de xogadores procedentes doutros equipos. E ata aquí a cousa funcionou. Mais seguirá sendo así? Ata cando? Como dicía ó principio vin unha selección en horas baixas. Os anos pasan e pezas fundamentais como Xavi ou Iniesta xa non están para as mesmas guerras de hai catro ou cinco anos. E Xavi é fundamental, o mesmo que no Barça. Por el pasa todo o sistema de distribución e o ritmo do xogo. Non se trata de que os que antes eran moi bos agora sexan uns inútiles. Hai ciclos vitais e o desta selección parece que chegou ó seu fin.

FÚTBOL