MANDELA NON ESTÁ MORTO

O pasamento de Nelson Mandela espertou en min sentimentos de gratitude á persoa. Pero, ao mesmo tempo, non poucas contradiccións durante os actos fúnebres. En primeiro lugar, porque creo que Mandela non morreu, senón que agora naceu para moitas persoas que souperon descubrir nel a fondura e o arraigo dos escepcionais valores cos que encheu a súa vida.
Unha vida totalmente entregada, sen reparar en sacrificios, nin nos vintasete anos que estivo na cadea. Sacrificios que xa empezara a facer moito antes de entrar na cadea e que despois de sair continuou.  Era unha persoa con un claro proxecto de vida, concebido xa na súa xuventude e que a el entregou toda a súa vida: desterrar de Sudáfrica o apartheid, o dominio absoluto dos brancos sobre dos negros. Un compromiso que o levou en ocasións a estar a pique de perdela vida, algo do que el era moi consciente.
Os negros carecían de tódolos dereitos humanos, sociais e políticos. Eran servos, dos que a vida carecía de valor. Un perverso programa dos brancos contra os dereitos dos negros, que Mandela co seu proxecto, logrou reventar.  
Non, non morreu. O que agora morreu foi a utilización e a explotación comercial da súa imaxe polos medios de comunicación. Esa sí rematou cando acabaron os actos fúnebres aos que asistiu un número excepcional de políticos de tódalas tendencias, xunto con outras persoas da alta sociedade. Persoas, a maioría das que pouco ou nada tiñan que ver nin con el nin co seu proxecto político social.
E aquí comezan as contradiccións: ¿por qué asistiron ás súas honras fúnebres tantos políticos? Certamente, non por empatía co proxecto de Mandela. Porque Mandela foi un rebelde e un prisioneiro, que acadou a presidencia do seu país.
As etapas da súa vida solapáronse e a derradeira é a que loce. As honras fúnebres ás que os políticos asistirom foron as de un presidente de Africa do sur; non as de un rebelde.
Un verdadeiro modelo de xenerosidade que non buscou o poder, senón a reconciliación. Foi consciente de que os vencedores nunca resolven os conflictos senón que os esconden. O verdadeiro éxito válido é o da verdade e o da xustiza, non o cego e o bruto do poder dominador.

MANDELA NON ESTÁ MORTO

Te puede interesar