Solidariedade e saúde para don Julio Ladra, párroco de Piñeiros (I)

Benquerido D. Julio: Antes nada desexarche moito ánimo e forza espiritual para levar con azos a vida, que nestes intres tela afectada pola enfermidade. Convidoume  o Sr. Pita, director do Boletín de Narón, a que me unira a unha homenaxe que che queren dedicar na Parroquia de Piñeiros-Narón. Faltaría máis. E doulle as grazas. É para min unha honra inmensa poderche expresar así a miña amizade persoal, respecto, cariño, admiración e gratitude e converterme en testemuña do moito afecto que che ten moita xente. Por iso preferín o xénero epistolar porque me permite falar contigo dunha forma directa e próxima. Di o Principiño de Saint-Exupéry que só se ve ben cos ollos do corazón. Pois é desde aí que eu quero comunicarme contigo.
Coñecémonos desde setembro do ano 1952. Foi no Seminario de Lourenzá. Logo xa vivimos xuntos en Mondoñedo por moitos anos máis. Só nos separaba un curso académico. Eras calado e alegre. Venche de familia ter unha boa voz e bo oído musical. Un grande sentido do humor. E tesnos deleitado moitas veces con cantos que só ti sabías. Lembras aquel: “Tengo una burra sandunguera” ? Canto nos temos rido e cantas veces o tiveches que repetir mesmo en veladas e sesións teatrais! Pero o teu repertorio era moito máis amplo.
 Fuches sempre un excelente compañeiro. Pacífico e pacificador. Nunca gustaches de liortas. Sobresaes por ser infinitamente boa persoa. Estudoso e moi arteiro. Dabas a todo. Ao procederes do medio rural, Belesar de Vilalba, sabías de todos os oficios, como logo fuches  demostrando na túa longa vida de servizo pastoral por onde pasaches: Canteiro, zapateiro, medio xastre, muiñeiro, labrego, cesteiro e mesmo penso que zoqueiro e algo de ferranchín. Es, diriamos, o home do saber universal.
Transformaches Santo André de Teixido traballando persoalmente con pedras, canterías, fontes, camiños, carreiros, Tele Club, repetidor de TV, Igrexa do Santuario, praza, miradoiros, Costa Grande primeiro e logo nas estradas de acceso. E principalmente a escola mixta para os nenos e nenas que non existía.
Ti fuches o traballador manual que máis horas e ideas deixou naquelas lonxanas paraxes.  E todo iso caladiñamente, como es ti. Con total humildade. Só che interesa que as realidades se transformen para ben e servizo de todos. Canto che debe a veciñanza de Teixido!  Nunca che importou que se soubese quen había detrás desa inmensa obra. Alí estaba a túa persoa. Alí deteriorouse abondo a túa saúde. Por iso tiveches de saír para coidarte un pouco mellor a carón da túa familia. Pois, ende non, ben morrías.
 Pero hai un labor menos coñecido do gran público como foi o estudo artístico, histórico e científico do Santuario, das contornas e da Romaxe-Peregrinación. Recuperaches romances, lendas e costumes que estaban na memoria do colectivo popular e que se ían perder irremisibelmente. Acolliches a todos. Impulsaches a investigación e creaches un  Padroado que foi e segue a estar cheo de vida. Contactaches con moitos estudosos da nosa etnografía máis ancestral. Poetas, músicos, historiadores, liturxistas, pastoralistas dos grandes santuarios de España e do estranxeiro. Non deixaches campo sen explorar incluído o da fotografía.
Canto ben fixo o libro do noso benquerido compañeiro Rafael Usero, “El Santuario de San Andrés de Teixido”, do que teño un exemplar dedicado por ti no 23/09/1973. Foi a tesiña da súa licenciatura, dirixida por Alonso del Real. Na súa Introdución fala extraordinariamente ben de ti, como non podía ser doutro xeito. Na  p. 15, di así: “Es forzoso recordar sobre todo la (ayuda) proporcionada por el dinámico capellán de San Andrés de Teixido, D. Julio Ladra López, que incondicionalmente se prestó a facilitar cuanto estuvo de su parte. Sin su ayuda tal vez muchas informaciones contenidas en este trabajo se hubieran omitido, por falta de un deseable conocimiento”. Un bo elenco das mellores fotografías reproducidas son da túa autoría. Unha grande parte do capítulo VII, (pp. 163-186) está dedicado a relatar o teu traballo. Pero aquí tamén se cumpre aquilo de “O Sil leva a auga e o Miño a fama”. Moitos persoeiros que alí aparecen son meros “inauguradores” dun traballo cotián, esforzado e silencioso, no que eles non moveron nin unha palla. O mérito é estaren na foto ou pórlles o nome nas crónicas da época. 

Solidariedade e saúde para don Julio Ladra, párroco de Piñeiros (I)

Te puede interesar