DE FERROL A MADRID, POLA VOLTA

Cando teñas dúbida de que
o camiño polo que transitas
pode levarte a un precipicio,
de inmediato, cambia de camiño.


Había moita, moita xente en Ferrol o domingo 1º de decembro na manifestación pola defensa do naval e por tanto máis. Máis de cen decía o meu neto pequeno de cinco anos, que non era a primeira vez que asistía na compaña dos seus pais e avós. Máis de cen, dou fe, e non foi precisamente pola carta do señor alcalde. Foi porque a xente está concienciada. Seguramente. E cansa de tanta mentira.
Que mala sorte tivemos en Ferrol con respecto aos gobernantes a nivel autonómico, estatal e, porqué non dicilo, municipais, salvo honrosas excepcións. Tan mala sorte que os de Madrid só veñen aquí cando hai algunha cuchipanda, a gastos pagos por suposto, e cando as eleccións que aparecen como moscas atacando o pastel “y si te e visto, no me acuerdo”. Dicía Thomas Fuller que quen moito promete, moito olvida, e Giuseppe Mazzini que as promesas son olvidadas polos príncipes, pero nunca polo pobo, e Ferrol e a súa contorna non olvida os compromisos incumpridos, o esquecemento e o castigo, exclusivamente político ao que nos teñen sometidos. Non cabe dúbida que Ferrol foi e é, a ovella negra do rabaño, o fillo descamiñado, o concello e a cidade onde só chega dos presupostos do Estado o que sobra e cando sobra.
Si, que mala sorte! Aínda que a mala sorte hai que sabela esquivar a tempo. Non creo na sorte, si no traballo, na loita colectiva, na honestidade e na intelixencia. Moito menos creo na lapidaria frase do emperador Julio César: “La suerte está echada”. Para nada Ferrol ten bos empresarios e excelentes profesionais, e ganas, moitas ganas de saír honrosamente da fochanca en que nos meteron. Se remamos xuntos na mesma dirección, Aínda que vaiamos en diferentes embarcacións, Ferrol e a súa contorna volverá ser o que foi.
Non creo na sorte, repito, moito menos en políticos mediocres e comenencias, elementos que menten tanto que acaban crendo que o que din é certo. Por  suposto, non somos parvos e estamos fartos, das súas hipocrisías, deles e das simulacións-“paripé”, como a viaxe a Madrid, tarde, mal e arrastro, sen paixón, con poucas agallas e sen poder social e político. A viaxe semella foi coa sana intención de sacarlle as castañas do lume ao señor Feijóo, que ten as mans moi delicadas.
Eso sí, foron eufóricos e volveron decepcionados e cansos, os máis inocentes cabreados xa que contaban vir cunha manchea de pedidos. Desa maneira non se defende o naval, nin se fai política constructiva. Aínda así benvidos á loita colectiva,  se se queren sumar.
Ben que o sinto viñeran de baleiro de Madrid xa que non é bo para ninguén, Aínda que non era á SEPI onde tiñan que achegarse xa que alí son uns mandados dos que mandan. Onde tiñan que ir ben o sabían, pero ou non se atreveron ou non lles deixaron os que os teledirixen.
Benvidos sexan, repito, ía sendo hora que se decataran de tanto engano e de que eles e elas, cargos públicos e mandos orgánicos do PP., están tan afectados como os demais cidadáns de Ferrolterra. Tamén ía sendo hora axudaran a puxar o carro da veciñanza, cando menos que non puxeran pedras nas rodas, nin carga inservible na loita pola dignidade dun Ferrol que esmorece desesperado por falta de traballo.
 Dun Ferrol do que en Madrid (os que mandan) non saben que existe, agás cando veñen arrepañar os votos ou ás festas-esmorgas das botaduras, que puideran agora distanciarse no tempo, xa non digo algo peor. A enfermidade é moi grave e se non se lle atalla urxentemente, puidera ser que pronto o doente tivera que pasar pola UVI. Se non se consegue de inmediato carga real de traballo para Navantia Ferrol e Fene, esta contorna puidera ser pronto territorio fantasma. Non pode haber un ERE máis, nin un só despedimento.
Señores alcaldes, sexan conscientes e coherentes. Sexan valentes. Póñanse ao fronte e todos a unha, como en Fuenteovejuna.
Aleluia! Por fin dirixentes e cargos públicos do PP, decatáronse conta que os presidentes Rajoy  e Feijóo menten máis do que falan. Por fin decatáronse conta que o seu deber era estar con aquela  xente que ten o problema. Que o problema é de todos! Aleluia, irmáns!
Mágoa que ata agora as árbores da maioría absoluta  non lles deixara ver o bosque en chamas. Mágoa que sigan  defendendo un capitalismo casposo, prepotente e cruel, de fraude e corrupción que tece arañeiras de amargura e dor para afundir á clase traballadora subindo impostos é servicios, executando recortes salariais, sociais e democráticos, e agora tamén de liberdade que puidera inflinxir algún artigo da Constitución Española. Arañeiras duns ideais políticos balorentos e caducos que puideran levarnos a épocas que nin recordar quixéramos.
Ante as adversidades / nunca perdamos a calma. / Nunca esquezamos o sorriso, o abrazo, a memoria, / a voz que canta á esperanza / e sobre de todo, a que canta á unión e á liberdade.
 Señor Rey Varela, di vostede que defenderán os intereses do naval e de Ferrol por enriba de partidismos. Non sabe canto me alegro, pero teñen que demostralo xa que o que fai falta son feitos. Súbanse ao carro, ou se o prefiren ao barco no que queremos ir a gran maioría de veciños  de Ferrol e contorna. O da seguridade laboral, do progreso e da convivencia.

DE FERROL A MADRID, POLA VOLTA

Te puede interesar