DESAFIUZAMENTOS, DRAMA SOCIAL

Todos os días unha media de 16 familias galegas son botadas da súa casa, por mor de non poderen pagar a hipoteca. En situacións tan graves non hai axudas públicas, ao invés do que acontece cos bancos, a lei cúmprese sen ningunha consideración humanitaria. O Goberno como máximo, diante do drama social, fala de convencer os bancos para que teñan en consideración as situacións máis graves, facilitando algunha solución, que raras veces chega. Este xeito de tratar o tema, no que todo depende da boa vontade dos banqueiros, choca coa intervención directa cando se trata de evitar crebas de bancos privados, manter impostos de privilexio para as grandes empresas, maiores fortunas e altos salarios. Non se pode aceptar a falta de sensibilidade neste tema, así como noutros que afectan ás clases populares.

As débedas das familias son menos da metade en contía que as que teñen empresarios e promotores inmobiliarios. Ademais, a morosidade só atinxe o 3%, mentres que a dos promotores chega ao 23%. Hai un abismo neste aspecto, que fai máis inxusto cando se desafiúza unha familia. Por outra banda, hai miles de casas baleiras, unha boa parte delas en mans dos bancos que non saben como vendelas ou sacar algún rédito do stock. As valoracións máis conservadoras dan a cifra de 40.000 no noso país.

É necesaria unha solución inmediata que evite os desafiuzamentos cando se trata de familias que perderon o emprego ou carecen dos ingresos necesarios para facer fronte á hipoteca. Non só permitindo como solución a dación, xa que en moitos casos esta non é unha saída, senón dando outras alternativas, como o aprazamento do pago (sen custes adicionais), a posibilidade dun aluguer, e mesmo outorgando axudas públicas en situacións estremas (familias con fillos, persoas dependentes, etc.). Son necesarios mecanismos de solidariedade específicos e transitorios para este momento de crise. Digo que transitorios porque a vontade de todo goberno debe ser o de garantir que toda persoa poda ter un emprego digno, así como servizos e prestacións públicas amplas e eficientes.

DESAFIUZAMENTOS, DRAMA SOCIAL

Te puede interesar