Edificios de Ferrol. Uso, mal uso e abuso

Ruando por Ferrol adiante pódense contemplar máis dunha ducia e media de edificios de propiedade municipal e doutras entidades, sobre os que cumpre preguntarse tocante ao mal uso, desuso e mesmo abuso que se está a facer deles. 
Edificio do Legado Carvajal, esquina Magdalena e Méndez Núñez. Obra de discutible rehabilitación. Inadmisible que se puidera perder a valiosa biblioteca/hemeroteca do Ateneo Ferrolán, pero tamén censurable a mala xestión do Concello, do propio Ateneo e dos seus empregados, que non chegaron a un acordo sobre o uso do amplo edificio compartido con outras entidades. 
Antigo Hospicio Municipal, esquina María e Méndez Núñez. Obra restaurada e sen un uso coherente ata de agora. Anúnciase a instalación de varias asociacións no edificio, mais segue pechado sen movemento aparente. Qué pasa coa importante documentación alí depositada do fracasado Patrimonio da Humanidade? Quen é o responsable da xestión desta documentación? 
Antiga sede de Facenda, rúa Magdalena. Amplo edificio que leva anos sen uso coñecido. Por qué non se usou para albergalo Arquivo Municipal de Ferrol, hoxe carente de espazo no Concello?. Similar caso da antiga sede da Compañía Telefónica, rúa María. Construción de catro plantas ocupada con maquinaria; un edificio que podería usarse como sede de oficinas nun lugar central da cidade. 
Antiga Residencia de Suboficiais do Exército, Porta de Canido. Amplo edificio de ortodoxo estilo racionalista. Hoxe atópase practicamente sen uso. Pola súa situación, amplitude e características construtivas debería ser esa Residencia de Maiores que necesita esta cidade. Chalé de Sixto ou de Canido, rúa Alegre. Notable edificación sen uso actual, obra de Rodolfo Ucha, estilo ecléctico e modernista, dotado dun amplo xardín. Puido haber sido o Centro Cívico do barrio de Canido, incluíndo a Asociación de Veciños, na vez da insulsa e custosa construción levantada na rúa Pérez Parallé. 
Casa do Mar, Estrada Alta do Porto. Edificio moderno e ben dotado que, unha vez perdida a súa función orixinal, é outro exemplo de infrautilización actual. Ademais da súa situación, dispón das instalacións e medios para ser ese necesario e demandado Albergue de peregrinos do Camiño Inglés. Antiga Comandancia Naval, fachada do Paseo Marítimo. Edificio de dúas plantas, sen uso desde fai varios anos. Pertencente á Autoridade Portuaria, que non semella manifestar interese algún na súa rehabilitación e posterior utilización.
Edificio da antiga Aduana, fachada do Paseo Marítimo. Boa construción nun lugar privilexiado que podería ter algunha utilización de interese. Propiedade da Administración Central, que non informa do seu posible destino. Dobre entresuelo pertencente á desaparecida Fundación Ferrol Metrópoli, rúa Real, fronte a Capitanía Xeral. Intervido xudicialmente, un amplo espazo de 350 m2 dotado no seu intre de salas de ordenadores, aulas, oficinas e despachos; situado nun lugar idóneo para centro de negocios. 
Por outra banda, no barrio de Canido hai unha serie de construcións tradicionais en mal estado pola súa falta de atención: a Casa do Pobre na rúa Alegre, a Casa do Patín na rúa Atocha e o conxunto do Corral de Chapón. No barrio de Ferrol Vello, incluíndo a que foi fermosa Praza Vella, varios edificios atópanse nun deplorable estado de conservación. Temos o penoso exemplo da ruinosa vivenda natal de Carballo Calero, na rúa San Francisco, a peor inversión que fixeron en Ferrol dúas sucesivas corporacións municipais. 
Noutra ocasión habería que falar do estado de avance do Convenio do Concello con Defensa e do que se pode facer co amplo espazo do Cuartel Sánchez de Aguilera, artellando o Centro Histórico da cidade cos barrios do Ensanche; do que vai a pasar co edificio de Intendencia de Marina, esquina das rúas da Terra e Magdalena, ou coa Factoría de Subsistencias da Armada na estrada do Porto; do que se ten previsto facer co desaparecido cine Avenida ou o solar do antigo Teatro Rena. 
 

Edificios de Ferrol. Uso, mal uso e abuso

Te puede interesar