Homen do povo

Eum homem do povo”, “É amigo de Messi”, “É melhor que João Paulo II, que também foi um grande papa”, e outras frases similares escoitéillelas a tres homes, de por volta dos cincuenta anos, que tiña ao lado mentres tomaba café no bar que hai no baixo do edificio no que estou vivindo. Era a primeira hora da tarde de antonte e na televisión estaban poñendo imaxes da chegada do papa ao aeródromo da Base Aérea de Monte Real, Leiría.
Sempre que me cadra ver imaxes televisivas con comentarios relacionados con calquera papa, o primeiro que me vén á cabeza é o nome de Paloma Gómez Borrero –falecida hai ben pouco–, aquela señora tan devota que estivo un lote de anos de correspondente da Televisión Española en Roma e só informaba do Vaticano, ou iso me parecía, pola paixón con que o facía. Desta volta, aínda que as imaxes no eran da televisión española, mesmo cría estar escoitándoa de novo.
Aos informadores da televisión portuguesa tamén lles saía o entusiasmo por todas as partes. E parece que llo transmitían aos espectadores. Tanto era así que a propietaria do local e algunha cliente non puideron reprimir a emoción e romperon a rir e a aplaudir, con sonoridade e gañas, cando aterrou o avión de Alitalia que traía o papa e a súa comitiva e que viñera escoltado por dous cazas desde que entrara en territorio aéreo portugués. Mostra palpable da familiaridade do pobo portugués co catolicismo pode ser esta anécdota que recollía o “Jornal de Notícias” de onte. O reporteiro púxose a falar cun campesiño que agardaba o paso do papa –xa vira pasar dúas veces Xoán Paulo II e unha “aquele alemão”, díxolle este– e preguntoulle que lle diría se puidese falar con el, ao que contestou: “Senhor Papa: benza-me o euromilhões”.
A xente do común, ou iso parece, considera o papa un “gajo cinco estrelas”, un tipo fenomenal, vaia. O que me chama a atención é o contraste entre este feito de os portugueses teren tan interiorizada a cuestión relixiosa e a menor presenza desta nos asuntos de Estado.
Entendo que o Estado portugués é ben máis laico que o español. Cando menos, que eu saiba, nunca se lle ocorreu poñerlle medallas a santo ou virxe ningunha, nin sequera á de Fátima, tan venerada. Iso é o que vexo no día a día na zona da freguesía de São Vítor na que moro, ao pé do Braga Parque, coñecido centro comercial. Territorio de xente traballadora que me recorda moito o barrio coruñés de Elviña.

Homen do povo

Te puede interesar