Saldar contas co pasado

As Nacións Unidas advertiron hai uns días ao Goberno do Estado español que os crimes de lesa humanidade non prescriben, en referencia directa aos cometidos durante a ditadura franquista.
Este tema vai figurar no relatorio das Nacións Unidas do ano 2014, coa finalidade de que se fagan as correccións necesarias na lexislación para que se xulguen os responsábeis. É un paso adiante de xigantes, que cómpre agradecer ás moitas organizacións e especialistas que durante décadas viñeron desenvolvendo no Estado español un traballo inxente de investigación e divulgación dos crimes do franquismo (execucións sumarias, paseados, etc.); hai que lembrar que tamén colaboraron organizacións galegas e de emigrantes.
Mais, sen dúbida, axudou moito á internacionalización do problema, a abertura da causa nun xulgado da Arxentina, e que a xuíza María Servini de Cubría ditase orde de detención internacional contra catro imputados, e esixise a súa extradición ao Goberno español.   
O Partido Popular  sempre evitou remexer neste tema (e tamén o PSOE), querendo botar un manto de esquecemento sobre o acontecido, e agora ten diante un problema multiplicado. Pode optar por deixar pasar o tempo, marear a perdiz, porén ten en contra o valor dun documento da ONU que lle esixe perseguir este tipo de crimes. Non facelo coloca o Estado español na lista daqueles países nos que a democracia está eivada. Ademais, vai ter que contestar á xuiz arxentina. En resumo, os conservadores non teñen unha saída doada, máxime cando no ámbito doméstico se lle acumulan tantos casos de corrupción e contas pendentes coa xustiza. De non resolver o tema o PP, quedará para o próximo goberno. De ser da actual oposición, veremos se por fin impera a xustiza.
No persoal, coido que é bo saldar aquel período histórico como corresponde, coa verdade e a xustiza por diante.
E facelo en relación coas vítimas de asasinato, mais tamén cos centos de milleiros que tiveron que sufrir a represión e marxinación por razóns de lingua, identidade ou ideoloxía, e cos que se viron forzados á emigración por estes motivos. Que se faga xustiza sen xenreira e ollando ao futuro.

Saldar contas co pasado

Te puede interesar