Soa o teléfono e unha voz que me di: Ola, Xoán, non nos coñecemos persoalmente, son Miguel Boó e escribín unha biografía de Suso Vaamonde que desexo presentar en Ferrol, gustaríame contar contigo para que me acompañaras na mesa xunto a Vicente Araguas. Logo da sorpresa agradecinlle a xentileza en convidarme malia dicirlle que eu precisamente non tivera unha realación moi directa con Suso Vaamonde e xa que logo moi pouco podería aportar de interese sobre o personaxe fora do que el explicitara no libro. Miguel aludiu a que Suso e máis eu coincidiramos nun tempo no que a denominada Nova Canción Galega nacía co propósito firme de crecer e quedarse. Aceptei e o venres na Biblioteca Municipal falamos, el de Suso Vaamonde, e Vicente e máis eu tratamos de coextualizar cousas e xentes dentro daquela “movida”.
Miguel Boó recibiu o encomenda do seu amigo para que escribira a súa história. Suso entregoulle un feixe de notas que o xornalista debía ordear, poñerse en contacto cunha morea de xente que se cruzou na vida do cantante e dar a todo iso formato de libro. Os papeis que lle cedeu Suso e os personaxes ós que Miguel entrevistou contan moitas cousas.
Cando existe unha relación de amizade co biografiado non é doado contar con obxectividade a história porque todo o mundo ten as súas luces e as súas sombras e un pode caer na tentación de amosar o positivo ocultando dalgunha maneira o lado escuro do personaxe. Miguel Boó trata de ser ecuánime no seu relato e hai no libro protagonistas que non saen moi ben parados incluído o propio Suso Vaamonde cando algúns dos entrevistados falan del sen pelos na lingua . É unha das razón polas que o libro resulta atractivo.
Suso mantiña con fruición o desexo de pertencer a “Voces Ceibes” e non reparou en esforzos para conseguilo. Ó principio a cousa foi máis ou menos ben pero rematou coma o rasario da aurora por falta de entendemento e polo endiablado caracter de Suso pouco dado a dar o brazo a torcer e disposto a alporizarse á primeira de cambio. ¿Quedaron cousas no tinteiro? Posiblemente, sempre queda algo por contar pero aquí están case todas as testemuñas . Unha biografía é historia e nesta están reflictidos os avatares dun cantante que quixo ser profesional, vivir da canción, unha tarefa case imposible na Galicia dos setenta.
Parabéns a Miguel Boó por esta achega que axuda a entender un pouco mellor un tempo cheo de ilusións, desacougos e de esperanzas perdidas. Si.