Xente ao cerca e ao lonxe

Miña irmá Chucha que leva no Brasil máis de sesenta anos –quen non  estivo emigrado, non ten ou tivo familia por terras estranxeiras? – despedíuse de min despois de longa conversa dende Sao Paulo a Neda e viceversa cun “ciao, ciao”. Xa digo, non cun vaia ben irmaociño como acostuma, nin cun adeus galego-portugués. Non, tivo que ser con ese manido “chao, chao”, que con frecuencia escoito tamén nesta querida comarca ferrolá. 
En Brasil é lóxico dado que dende hai moitos anos viven milleiros de italianos, pero aquí non creo haxa moitos e aos que hai o meu máis cordial saúdo. Nada en contra da lingua italiana (de ningunha) nin tampouco dos italianos, boa xente e traballadora cos que participei laborando na T.A. holandesa da cidade de Arnhem, Rino, Giorgio, Andrea di Masaccio, Luchino e Marina, entre outros na miña memoria. 
Anque eu, sen anoxo en contra de país ou lingua foránea, defendo o noso dende tempos idos e achegados echegados; cando me teño que despedir fágoo cun adeus, deica logo, ou vaia ben. 
Xa digo, nadiña en contra da lingua de Petrarca, Boccaccio, Pirandello, Calvino, Moravia, Eco, Ronconi, Dario Fo, E. Zola. Nadiña, mais perdoen que protexa, fale e escriba na nosa. 
Boa xente a xente de Italia, ese fermoso estado do Mediterráneo en forma de bota alta, constituído pola península Itálica, a chaira do Po, as alineacións meridionais dos Alpes e as encantadoras illas Sardegna e Sicilia. 
E falando de “xente, ou gente”: grupo de persoas, asegún o diccionario da RAG., e pluralidad de personas, tal di Espasa-Calpe. Sendo pois grupo, ou pluralidade de persoas non precisa de número gramatical plural, tal lembro da ensinanza daquel meu profesor de Gramática, don Guillermo Carballo, tan persistente sempre: “El plural de gente, es gente”.
Nembargantes, de vez en cando escoito falar a algún político, presentador, incluso algún articulista de sona dicir ou escribir las gentes, esas gentes de ahí, ou aquelas pobres xentes teñen que fuxir dos seus países de orixe. Anque eu non sexa o máis indicado para facer de corrector, sei que “cada maestrillo tiene su librillo”.
E volvo persistente coma o profesor Carballo sobre esa costume de “ciao, ciao”. Sobre delas, das costumes, dicía o escritor alemán Thomas Mann (1875-1955), que “o cambio é o único medio de que dispoñemos para manternos en vida é rexuvenecer”. E iso é bo, incluso nas linguas.
Anque coido, son tombos de feira que pronto pasarán; e se non fose así e ese vocábulo quedase aquí na beiraría de Ferrol, ben recibido sexa; puidera que por aló, terras italianas, tamén algún vocábulo galego enraizara, á parte do de “carballo” que é internacional. 
Anque insisto, non por egoísmo, si por convicción sigo defendendo o noso, neste caso, a nosa língua: adeus, deica logo. Incluso, o saúdo que fago aos peregrinos que por diante da miña casa pasan recorrendo o Camiño Inglés é un adeus, boa viaxe, que a maioría contesta cun adeus , adeus, mirando cara atrás repetindo coma loros durante un pequeno treito.
Poida que na súa mente arraigue e perdure saúdo  e camiño, recorden que un día pasaron por Galicia dende Curuxeiras a Compostela, disfrutaron de todo canto viron e non sexa un adeus final. ¡Ogallá!
Latinos que somos, viva o adeus e o ciao, incluso a varias voces e ao unísino. Por que non? Anque eu, como xa dixen sinto o deber de defender o noso, nesta terra aínda hoxe marxinada por aqueles que dirixen os poderes políticos, económicos e xurídicos. Sinto o deber de defender a esencia da nosa idiosincrasia, da nosa língua e cultura, en perfecta harmonía coas doutros países e pobos.
Falo de loitar polo noso. De non deixar ir río abaixo o que temos, e concretamente neste caso a lingua, que xa bastantes atrancos tivemos entre os séculos XVI a XVIII e no pasado século a raíz da dictadura franquista. 
Dí o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, que estamos no máis alto nivel en canto ao coñecemento do galego. Eu non o creo, se fose certo, por que non o falamos e escribimos máis?
Que o Estatuto de Autonomía non sexa papel mollado. Sen obrigar a ninguén; faltaría máis. Por amor á Matria. Adeus, deica logo, vaia ben. E o de “chao, chao”, cando á xente lle apeteza.
 

Xente ao cerca e ao lonxe

Te puede interesar