Despois do sucedido en Barcelona, empeza unha lenta dixestión que intenta poñer patas arriba tanto o que sucedeu coma o que deixou de suceder. Sería o que nos programas deportivos definen como o postpartido. Dependendo de que se faga información ou opinión, ou de quén e dende que posición ideolóxica ou xeográfica o faga, a realidade a vender será radicalmente diferente.
Empeza tamén o reparto das culpas e en función do manido e ti de quen ves sendo, estarás encadrado nun ou noutro bando. Polo tanto, uns serán felicitados e outros, quizais, condecorados ou sinalados como partes dos elementos perturbadores e non colaboradores, que sempre aparecen cando actúan sen a debida coordinación as diversas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, nacionais e/ou autonómicas.
Deixar todo en mans da divina providencia non é nada malo, pero é unha solemne insensatez. Se vai acompañado dun funcionamento eficaz da prevención, dos servizos de información e da correcta cooperación entre medios policiais, seguro que iso axudaría moito a que todo poida saír ben. Aprender as leccións que nos tocan vivir, por dramáticas que sexan, e sacar consecuencias de futuro son vacinas que evitan epidemias maiores.
Hoxe hai debates interesados nos medios e auténticas barbaridades circulando polas redes sociais, intentando colar como certas noticias manipuladas que pretenden fomentar odio, racismo e xenofobia. E non é ese o camiño. Nunha actuación como a de Barcelona todos somos vítimas, independentemente das ideoloxías, relixións ou territorios.
Mentres, neste fermoso atardecer atlántico, ardendo o mar na liña do horizonte, coa música da terraza como pano de fondo, Ela non puido evitar sentir o moito que el lle doía, na mente, na pel e en cada un dos seus sentidos.