No capitalismo está o problema

Samir Amin, economista e analista político, afirmaba que o capitalismo está na súa etapa senil.  Sen dúbida é certo, vendo como medran as desigualdades, a violencia, especulación, até onde se tensa a confrontación entre potencias, e como se comportan moitos dirixentes. Que os Estados Unidos, Francia e o Reino Unido manteñan forzas  militares no territorio sirio sen que este país o tivese solicitado, racha con todas as normas internacionais. Igual de agresiva é a decisión do Congreso dos Estados Unidos, co beneplácito de Trump, de aprobar unha Lei pola que apoia as manifestacións en Hong Kong, que é parte de China, a segunda economía do mundo e unha potencia nuclear.

Por se non abondase con prender lume no polvorín, temos a Bolsonaro que critica e se burla do pobo arxentino por votar a Alberto Fernández, a Erdogan que ataca a Macron dicindo que ten morto o miolo por recoñecer os atrancos da OTAN. E un longo suma e sigue, que todo reflicte irá a máis. Todo para satisfacción, non das maiorías sociais senón dos grandes grupos económicos e inmensas fortunas, que cada vez acumulan máis riqueza e pegan menos impostos. E, como compensación polos hipotéticos méritos do triunfo da minoría, que seica hai que festexar malia que pode rematar en calquera momento nunha destrución mundial, fíxose hexemónica a tendencia que procura privatizalo todo á marxe do interese público.

Agora, por fin, amplos sectores están alarmados pola destrución da natureza, cando esta desfeita sempre estivo relacionada co desenvolvemento incontrolado do capitalismo. Polo tanto, non abonda  con substituír a enerxía fósil e o plástico nos envoltorios, aínda que sexa un avance, cómpre racionalizar e ordenar territorialmente a demografía, regular o turismo e evitar as migracións forzadas, reducir as metrópoles, evitar os grandes desprazamentos innecesarios no comercio e dun turismo baseado no negocio. Cómpre mudar o modo de vida para salvar o planeta! Porén, pensar nun avance deste tipo é utopico mentres non se dea un cambio de mentalidade polo que se respecte a diversidade cultural, lingüística, sexual e de todo tipo, a igualdade a todos os niveis, a xustiza social, a solidariedade, e a soberanía dos pobos grandes e pequenos.

Recoñecese hoxe que os acordos de París non se cumpriron, e neste aspecto teñen unha grande responsabilidade os Trump e Bolsonaro, e outros negacionistas. Mais tamén semella que neste tema hai demasiados gobernos que se apuntan ao espectáculo, querendo canear o feito de que no sistema reside o problema.

No capitalismo está o problema

Te puede interesar