A incerteza dos galegos

Recuados tempos de incertezas vagariñas, coma o ronsar dos carros nas congostras encorgadas. Lento fluir das augas silenciosas nos relanzos. Súpeto torrente resolto en duira. Mundos pousóns e incertos daquela neneza en que agardabas ao carteiro polas novas anseiadas, polas novas que xa eran vellas cando chegaban. Quen sabía entón se o escribidor aínda certaba nesta vida cando lías do seu puño e letra aquel papel escrito en tinta incerta que tiña máis ou menos cor segundo o latexar dunha luz xa finada coma a que chega do pasado das estrelas.
Malditos tempos de veloces certezas, coma o asubiar dos carros nas estradas baleiras. Mundos raudos e certos desta madureza en que nada agardas de ningunha letra. En que un ceo sen estrelas morre so da cegueira da lus eleutrica!(Lus e progreso en todas partes e as dúbidas nos corazós... de Rosalía). Veñen e van guasaps de guasa. Van e veñen os emilios sen Rousseau, os email subitáneos. As novas frescas, recén enfornadas, mais sen cheiro a tinta, cuns trazos estándares de letra ao gosto do consumidor que agochan as intermitencias da morte e do corazón. Subitaneidade tráxica da vida que nos moldea cal estatuas vertoláns que queren xa, que impoñen, que dictan con frieza os seus designios coma infantís demiurgos teimudos no rolar infindo da nada. Desa nada que sobarda o nihilismo máis atroz. Queremos saber da tona de todo, da codia do froito que cae. Quen perde o tempo co cerne e a semente? Quen coa carne xa? A modernidade tecnolóxica dos aparellos indispensabeis para ter entidade humana (móbil, portátil, wifi, televisión...) obrígannos á exercer de escravos da perversa actualidade. Navegar nas procelosas augas da opinión pública, que sempre é privada e malcriada por unha oligarquía lonxana, é coma remar en galeras.
García Márquez xa tiña escrito hai ben tempo Cando era feliz e indocumentado. E a sociedade máis desinformada autonoméase sociedade da información. (Dime de que fachendeas e saberei do que careces). Bradbury fálanos en Fahrenheit dos datos combustibeis. Darlle ao público un exceso de información trivial e agocharlle o sustancial para que crean que están informados, totalmente ao día. Mais nada esencial para que non poidan atar cabos. Por iso é que debemos ler os xornais como a realidade, coma un revesgado xeroulífico. É moito máis efectivo para os miolos que os obradoiros de memoria ou os repetitivos deberes da educación bancaria.
A cultura tradicional galega era incerta, como a vida, porque estaba achegada á natureza. Ao primeiro vento levaba o tellado e quen aseguraba as tellas?. Os galegos pretecnolóxicos nadabamos na incertidume coma peixes na auga. Afeitos á mar brava non acreditabamos nas bandeiras verdes.
A nosa dúbida era consustancial ao noso ser. Eramos persoas, orixinais, críticas. O minifundio e a dispersión dos galegos deu unha psicoloxía de rexa personalidade, dunha firmedume incerta (malentendida na meseta coma individualismo) labrada na fortaleza do casal, do acobillo da parroquia coma universo existencial e simbólico. Fóra era o mundo da incerteza selvaxe, descomunal. As feiras eran o mancomún da fiúza. Non era unha dúbida desacougante como a de hoxendía. Porque o individuo tiña unha rede mellor ca entre do internet. Tiña a rede da comunidade!(Hai quen aínda non distingue entre monte comunal e monte estatal). Esnaquizado o tecido social polos escribáns e capeláns da corte de Castela, crebadas as leis comunais ancestrais do povo galego, viñeron as provincias a recurtar a humana incerteza e deixarmonos coa incertidume aqueloutrada do individuo núo perante o poder central e alleo.
Esmigallados os corazóns, os artellos defensivos das nosas vidas en comunidade e maila necesaria incerteza que estaba da nosa man, que se toleraba como algo natural, a dependencia a respeito dos demais... e incluso certo noxo instintivo polo medre fronte ao veciño foi substituído polo nefasto concepto de éxito contra os demais.
Así, a incerteza dos galegos, esa dúbida sapiencial que anoxaba aos meseteiros, a nosa indefinición identitaria pasou a se combater dende todos os púlpitos da relixión homoxeneizadora do mercado global. A doutrina católica amancebada coa doutrina escolástica criou titulados en certezas. Na certeza da emigración ineludibel. Na certeza da lingua propia inconvinte. Na certeza da terra cementabel. Na certeza do bosco axionllado. Na certeza da mar incultivabel, na certeza do sartego en propiedade a pagar in aeternum... Ata vivir nun mundo programado no que case dá preguiza ter que o vivir! Temos programadas as vacacións e os paros. Programado o desexo e os pasos. As revisións médicas e as gravideces. Os nacementos, as vacinas e os parabéns. A vida é tan predecibel que a aborrecemos. En Ferrol estamos tan certos das fochancas e cavorcos milenarios que ninguén cae xa neles. A certeza da contaminación da ría e dos regatos mudados en xurros de areais. A agre certeza de ser o noroeste dos noroestes, a illa das illas máxicas do eterno renacer. Un solstición mudado en equinoccio. A vida é tan certeiramente predecibel que hai nenos de cinco anos que xa teñen programada a carreira e o noivado.
Xogan con bonecos que anticipan as propiedades e os valores que lucirán cando maduren á forza, coma a froita das cámaras frigoríficas das grandes superficies do comercio inxusto. Facémolo todo cunha frieza que espaventa aos mortos. De certo andamos xa na procura de a programar tamén. A morte, digo. Delibes contaba daquel personaxe en O disputado voto do señor Caio, que se suicidara por arruallo. Apostara que ía morrer tal día e como se achegaba e non morría, matárese por ter razón. Que morte máis acaída a esta modernidade orwelliana na que máis ca vivir, funcionamos!. Algúns fálanme dos últimos robots xaponeses e me lembran a Eu, robot de Asimov. Pero eu nunca enxergarei esa teima polos humanizar os robots cando é ben máis doado robotizar humanos coma se está a ver coas novas roladas.
Cunqueiro no Incerto señor don Hamlet adéntranos neste teatro do absurdo que vén sendo a nosa vida. A ambigüidade cunqueiriana, o gosto polo xogo da reflexión fronte á supremacía actual da acción afonda nesta incerteza do ser galego. A incerteza natural e sabia da vida. Porque nada hai tan incerto como a vida e nada tan certeiro como a morte. Así que canto máis control sobor da vida máis alonxados dela por moito que tiremos aos mortos das lareiras e dos hórreos para levalos aos tanatorios e mudalos cinsas canto antes. Calquera cousa que nos esqueza da única certeza que temos, a finitude!.
Así que toda seguranza espella ignorancia e toda incerteza sabencia. Como dicía unha velliña de Palmeira hai moitos anos, a morte é un correio moi pecho e ninguén veu dalá. E alá estará xa, certamente, ela.

A incerteza dos galegos

Te puede interesar