Seica saímos da crise

Cristóbal Montoro dá chimpos de alegría, aínda que non é o único, e mesmo afirma que “España sorprenderá máis unha vez ao mundo enteiro”. Supoño que non se referirá á etapa na que a burbulla inmobiliaria e a especulación xeraron un espellismo, que tan caro está pagando agora o pobo.
Para alén da esaxeración do Ministro, algo común nel, o optimismo semella fundamentarse en que as contas das grandes empresas e dos máis ricos van vento en popa, así como na morna oposición social ás duras medidas que conseguen estes resultados que afondan nas desigualdades sociais e territoriais.
Só carecendo de sensibilidade social se pode ignorar que estes avances na Bolsa, na prima de risco, nos lucros das entidades financeiras e grandes empresas, conséguense a costa de esmagar as clases populares e empobrecer as autonomías e nacionalidades máis débiles do Estado, entre elas Galiza.
O desemprego segue en taxas insoportábeis, e cando baixa faino en boa medida temporalmente e como consecuencia da emigración. Os salarios redúcense acotío, mentres medra a xornada laboral, diminúen os servizos e prestacións públicas, e aumentan os impostos indirectos. Consecuencias: o consumo interno afúndese. Malia o aumento dos impostos, as grandes empresas e fortunas pagan cada día menos, e como contrapartida, son premiadas coa maior parte dos 140.000 mil millóns de euros que no último ano creceu a débeda pública, hipotecando o futuro da inmensa maioría.
Sen dúbida as cousas van ben, mais non para todos e todas, senón para unha minoría poderosa, que non só ve medrar lucros e riqueza, senón que ademais impuxo un mercado laboral e un modelo de Estado totalmente funcional aos seus intereses.
Con este panorama ¿non sería mellor que non nos fose tan ben, segundo o prisma coa que ollan a realidade o Goberno e máis a Xunta, e en troques melloraran as condicións de vida da maioría, democratizando a economía, e reducindo as desigualdades entre territorios? O camiño da globalización funcional ás empresas impón hoxe o modelo laboral chino, mañá o indio, e as taxas de lucro empresarial dos paraísos fiscais. Ou detemos está andaina ou non hai futuro.

Seica saímos da crise

Te puede interesar