DECISIÓNS MUNICIPAIS

Aínda que eu non son, coma el, ferrolán de toda a vida, (FTV, supoño), non podo estar máis de acordo co que di meu amigo e compañeiro Burgoa no seu artigo do pasado 17 de novembro. Xa teño falado aquí das desfeitas urbanísticas dos últimos anos, que ás veces semellan ser argalladas polo inimigo. O premio maior ao absurdo lévao con moita vantaxe a da praza de España xunto con ese túnel raquítico, esperpéntico e por riba perigoso. ¿A quen se lle ocorreu semellante despropósito?. Penso que isto que estou a dicir, é opinión unánime da maioría dos ferroláns.
Imaxinade que a décima parte dos cartos que se estragaron na nova praza se houberan empregado en mellorar aqueloutra con bancos de pedra, árbores, xardíns, fontes e circulación en superficie que conformaban unha fermosa entrada na cidade. Con cabalo ou sin el que a min isto tanto me ten. Fotografías e postais antigas poden dar fe do que digo. Agora temos unha praza comecartos sen ningunha personalidade, un túnel que é un monumento a inutilidade e ao feismo, un aparcadoiro subterráneo con moi pouca actividade e unha rúa, a avenida de Vigo, totalmente estragada. Por todo isto eu propoño que con urxencia: Se tapone o furado eliminando o túnel, se rehabilite a avenida de Vigo e se adapte a nova praza para a circulación rodada en superficie, restablecendo unha digna entrada en Ferrol. Mesmo semella que a teima de cada goberno novo é criticar e botar por terra todo o que fixo o anterior adoitando unilateralmente determinadas decisións que en nada benefician aos cidadáns que o elixiron. Aí temos como exemplo a recente peonalización da rúa Real por decreto do concello sen ter en conta a opinión de moita xente prexudicada, como se estiveramos sobrados neste pobo de prazas de aparcamento!
Sería bo que o concello, sexa cal sexa a súa cor, antes de tomar decisións  importantes, contara coa opinión dos cidadáns que son ao fin e ao cabo os que van a desfrutar ou a sufrir, como é o caso, coas obras e reformas que se propoñan. Algo tan sinxelo como unha enquisa sería o xeito de facelo, consultando non só a aprobación dos proxectos senón tamén a planificación das mesmas. Deste xeito se evitarían no futuro decisións a golpe de decreto como a recente suba salvaxe dos trabucos municipais. Por certo, ¿onde hai que asinar para reclamar?.

DECISIÓNS MUNICIPAIS

Te puede interesar