Europa

Xa estamos metidos de cheo  nas  eleccións europeas con todo o que iso significa de programas, publicidade, mitins  e algunha que outra declaración pouco afortunada que sempre se lle escapa a algún candidato que se ven arriba e non repara na difusión mediática que o seu abafante comentario pode acadar.  É o caso do candidato nº 1 do PP Arias Cañete  que foi e soltou nun programa de TV de difusión nacional unha perla coma esta: “ Un non pode amosar superioridade intelectual nun debate cunha muller porque a xente pode pensar que  está abusando dunha muller indefensa”, referíndose ao encontro televisivo  que tivo coa candidata do PSOE  o xoves pola noite.  Imaxino que as mulleres conservadoras estarán entusiasmadas e correrán como tolas a votar ao seu  ilustre candidato. Pero pensando en Europa, veume á mente a figura do noso paisano Salvador de Madariaga que foi un dos europeístas máis convencidos. Non sei que lle parecería a Don Salvador esta vella Europa que pretende estar unida cando existen tantos intereses enfrontados. Madariaga pasou as tres cuartas partes da súa existencia fora de España: foi, coma el gustaba dicir, un “trasterrado” no que sempre estaba vivo o desexo dunha Europa unida, pensamento que aparece disperso en moitas publicacións e que resume no seu libro “Bosquejo de Europa”. Para el Europa é a Nai Europa, a que dou compositores xeniais, escritores inigualables que crearon grandes  mitos... e pasa logo  a esbozar  a similitude nos comportamentos que el cría ver entre os europeos. Tivo tamén, coma case sempre acontece con estas ou semellantes teorías, grandes detractores  como foi o caso de Caro Baroja, crítico con calquera apreciación dunha psicoloxía colectiva ideada por Madariaga.
Pero sen chegar a mergullarse nas eruditas teorías, o interesante sería responder ápregunta do que representa Europa para a inmensa maioría de nós. A min o Parlamento Europeo sempre pareceume moi distante, bastante afastado sen apenas puntuais noticias do que alí se estaba e se está a cocer. É coma se fose unha asemblea xeral dun club no que hai socios selectos e outros que apenas contan nada.  E logo está o asunto dos candidatos que se presentan para ocupar un escano dos case oitocentos que constitúen a cámara. Sempre pareceume que os que van para o Europarlamento  son vellas glorias que aquí xa non teñen moito que facer e liscan para alá como premio aos servizos prestados, pois os case oito mil euros ao mes que percibe cada señoría non che son moco de pavo ( amén doutras prebendas). Quizais algúns digan que isto é demagoxia, pero é o que hai e  creo que resulta interesante facelo constar mais que nada tendo en conta a que está a caer con esta crises  intencionadamente provocada que afonda na pobreza da maioría en beneficio dos poucos de sempre. En puridade un cidadán de a pe coma min, descoñecedor das teorías macro económicas, aínda non ten claro os grandes beneficios que nos trouxo entrar no exclusivo club de nacións europeas. Recortes e máis recortes, o paro crecendo malia o que digan algúns, os salarios da maioría míseros, e o caso é que xa hai tempo que estamos en Europa e aíndanon vemos a luz ao final do túnel. Pero pídennos que vaiamos a votar porque, agora si, as cousas van cambiar e nós imos e nolo cremos a pesares de que a arte da Política conte con estes artistas.

 

Europa

Te puede interesar