Das enmendas felices

oTribunal Supremo finalmente –e sen tempo non era– acaba de poñer as cousas no seu sitio. Nada de cualificacións lights para actos graves e de responsabilidades severas. Nada de chamarlle abusos, puro eufemismo do vello machismo, ao que realmente son agresións sexuais. Falaron alto e claro. Son sentencias que devolven a dignidade a persoas que teñen sufrido de máis. E asenta a credibilidade na nosa xustiza, que pode que sexa lenta, pero ten criterio e senta xurisprudencia. Iso é algo importante.
Ademais, é unha sentenza histórica. A partir dela haberá que facer as modificacións legais oportunas para cambiar determinadas cualificacións de feitos e de terminoloxías que estaban, non xa obsoletas, senón o seguinte. Se rectificar é de sabios, facelo en defensa da dignidade, o respecto, e a proporcionalidade en relación coas violacións cometidas non só é importante, senón que da altura e humanidade ás leis que amparan e protexen a práctica cotiá dos nosos dereitos.
Por outra parte, unha foto pon en valor os importantes cambios producidos na nosa sociedade nas últimas décadas. O fondo amplo do tema é Europa. No primeiro plano unha reunión de catro mandatarios europeos. Incluído e con papel protagonista España co presidente Sánchez. Como a obra de Manuel Antonio: “De catro a catro”, sen intermediarios, sen intérpretes. Catro presidentes na negociación: Angela Merkel, Enmanuelle Macron, Pedro Sánchez e Donald Tuks, presidente do Consello Europeo. Fixeron falla moitas décadas. Houbo que recorrer complexas lexislaturas. Pero tamén nisto, aleluia, chegamos a Europa.
Cúbreme de silencio –dixo El– sexamos simetría elemental e pura na eternidade absoluta dun abrazo. Déixame ser mar nos teus sentidos, ou praia estendida que agarda... ou a liña longa da caricia que debuxa e acende, as transparencias sentidas de quererte...

Das enmendas felices

Te puede interesar