Querer é poder

Hai un par de días, no programa “Españoles en el mundo”, que emite a TVE, vin unha reportaxe sobre Bolivia. Unha das cousas que lle chamou a atención ao reporteiro foi o aspecto de abandono de moitos edificios, polo que lle preguntou o motivo ao residente español co que falaba. Respondeulle que se trataba dunha cuestión de carácter impositivo, que as casas estaban se rematar para non ter que aboar as taxas correspondentes. Vaia ho, como en Siria!, pensei. No ano 2009 estiven en Siria e por toda as partes vía casas non só de bloques sen pintar senón tamén sen tellado, cos piares acabados en ferros, como para continuar botando plantas. Era rechamante, mais non preguntei o motivo daquilo, atribuíndollo sen máis á pobreza. Uns anos despois, en 2015, lendo o cómic El árabe del futuro / Una juventud en Oriente Medio (1978-1984), do franco-árabe Riad Sattouf, atopei o motivo. O neno protagonista –o propio autor, nado en París–fica sorprendido da fasquía das casas: “Eran grises y parecían inacabadas. Trozos largos de chatarra sobresalían de las azoteas, como en la nuestra”. O pai explícalle que “En Siria, cuando tu casa está terminada, tienes que pagar un impuesto extra... ¡Y como nadie quiere pagar, nadie termina su casa!”. Talmente como en Bolivia.
Curiosamente, entre nós, o tan traído e levado tema do chamado feísmo volve cobrar actualidade. Onte mesmo aparecía un comentario no noso Diario no que se dicía que está claro que a Xunta quere acabar a toda costa co el. Eu non o vexo tan claro. A propia nota, que finalizaba co desexo de que a iniciativa sirva para facer unha Galicia máis fermosa, recoñecía as dificultades. Como sempre o primeiro ten que ser o clásico desideratum de menos palabras e máis vontade. Porque palabras xa temos escoitado abondas. Feitos, pola contra, infinitamente menos. E é que se non se ve negocio polo medio a xente non é moi dada a poñer da súa parte para mudar as situacións. O que está botado a perder é moi difícil que se poida recuperar. Case sempre sae máis rendible acabar con todo e facer de novo. Cantos incendios non houbo de edificios nobres! E se saímos das zonas máis urbanizadas, cantas vivendas non haberá mal amañadas e sen permisos de ningunha caste! Para acabar con todo iso, ademais de cartos fai falta firme vontade de querer realmente facelo. E iso ten un custo político que as administracións non son moi proclives a afrontar.
Pero o feísmo non está só nas construcións. Está tamén na paisaxe, nas plantacións. Hoxe Galicia toda está case convertida nun horrendo eucaliptal. E ninguén lle quere poñer remedio. Hai uns días, neste noso xornal, Xosé Manuel Pazo, que me consta que sabe do tema, daba unhas cifras de plantación de eucaliptos abraiantes, con incumprimentos variados incluídos. Quérese ou faise que se quere?
 

Querer é poder

Te puede interesar