REIVINDICANDO O FEÍSMO

|

Nunha ocasión embarateime nun paseo a cabalo pola montaña de Cerdido cunha amazona estadounidense como guía. A medida que transcorría a manada e medraba a confianza, a muller preguntou se toda España estaba cuberta de eucaliptos. Loxicamente comuniqueille que do conxunto do estado non sabía nada, pero que a totalidade do terreo galaico si estaba inzado das árbores australianas. Houbo algún da reata que me chamou á atención por dicir tal disparate, pero respondín que era mellor saber da vida daquela cabaleira que estarlle explicando a flora galiciana.
O caso foi que paseando entre a foresta eucaliptosa, subindo e baixando balados, trotando polos camiños dos madereiros apareceron moitos elementos típicos da paisaxe galega, como o somier empregado de cancela ou unha bañeira reutilizada en pía para animais, alén de outros elementos que non recordo, pero calquera pode imaxinar. Porén, a amazona chegada dos Estados Unidos e que estaba de bolseira no picadeiro aquel non reparou en ningún daqueles elementos, só lle importaba saber a orixe e extensión da iniciativa arbórea traída por frei Rosendo Salgado. Non hai máis que preguntarse, se é máis galaico o eucalipto ou a reutilización de mobiliario doméstico para decorar or xardíns? A resposta é simple, as dúas son tan autóctonas como a Derby Variant, a sesión vermú ou un gaiteiro con acompañamento pirotécnico. Simplemente os naturais de por aquí adáptanse á contorna, mimetízanse coa paisaxe, como levamos facendo en tantos séculos.
Agora veñen novas directivas da Xunta de que hai que rematar as casas por fóra antes que por dentro. Con esa medida desaparecería outro encanto tipo da paisaxe galaica: a casa con tixolo á vista e con patín. Aínda así hai autóctonos que prefiren finalizar a casa polo exterior, deixando o interior coas paredes sen recebo, case sen instalación eléctrica e con condicións sanitarias limitadas, dando lugar a dúas categorías sociais: quen prefire ser só fachada e aqueles que desexan ter un niño acolledor antes que posuír un todoterreo aparcado ao pé dunha escaleira de mármore.
De vez en cando hai campañas contra o feísmo que vén sendo como un ataque á idiosincrasia galaica, como que lle di a un pobre que debe vivir como un rico. Non hai que esquecer que quen come só patacas será porque non ten diñeiro para carne, máis ou menos como aquel familiar listo que cando vén pola casa non fai máis que dicir “eu de ti facía isto e aquilo”. Xa. Cada un pode realizar o que está ao alcance das súas posibilidades, e os galaicos temos poucas.É moi doado proclamar que somos poucos galegos e que temos que ser máis, pero tampouco se entende que sendo de poboación reducida vivamos tan mal en vez de ter un estado de benestar verdadeiro, onde os servizos básicos estean cubertos e non haxa que recorrer a un váter como maceteiro. A Xunta dispón de 8.436 millóns de euros. Boten a conta a canto toca a cada un dos 2.747.559 galegos e non queda máis que reivindicar a reciclaxe doméstica, mal chamada feísmo.

REIVINDICANDO O FEÍSMO