De hora en hora

Hai un dito que reflexiona sobre o paso do tempo e que os galaicos teñen por máxima e que ven sendo que cada sesenta minutos Deus mellora. Por estes pagos perdidos a amplitude temporal haina que estender por lustros ou séculos para o conxunto dos nativos, pero para o período político hai que tirar de cuadrienios. Dá a impresión de que calquera medida que sirva para salvar o Reino do afundimento ten que agardar a coñecer quen habitará o monte Pío nos próximos anos.

A carreira até San Caetano está servida e cos candidatos nos postos de saída como se fose un maratón, deses que organizan os concellos e que, excepto unha ducia de deportistas que toman a proba en serio, xuntan a centos de persoas que van a pasalo ben mentres duren as forzas e conten co apoio do público que aplaude ao paso dos esforzados. Nesta competición electoral só falta Laureano Oubiña, o dúo Sacapuntas e poñer a Xan das Bólas no panteón de ilustres.

Se os comicios están medio abertos a un Parlamento máis que plural, a máxima de que melloramos de hora en hora xa non se cumpre e case que o mellor e sacar a comunidade do mapa e esluíla entre o territorio castelán, así aforraríamos millóns de euros ao Reino como exemplo de austeridade. Autonomía para que? A vivir a vida, que son dous días e para o ano que vén xa celebraremos a feira de abril por bulerías.

Quedan unhas semanas para saber se acabamos de irnos a pique ou aínda sobreviviremos algúns anos máis, polo menos até o 2018, cando chegue a alta velocidade ferroviaria e poidamos fuxir de aquí con seguridade, porque os voos baratos non son de fiar e tampouco teremos cartos para gasolina, nin destilada do toxo nin do licor café. Galicia non está en venda, pero compradores non faltan, o malo é que non son pagadores os que se queren facer con ela, case é mellor pór un cartel en Berlín.

Cando vexo a devoción galaica polo foráneo vénme á mente aquela canción dos Petapouco que dicía: “Eu veño do Urujuai falando injlés, ninjén me entende”. Calquera que chegue por aquí como charlatán de feira é escoitado con máxima atención porque a maioría da xente nin sabe o que di, pero soa ben e todo o auditorio acaba asombrado do ben que fala, aínda que non entenda nada. Os galaicos gustan de oír ladaíñas que acaban convencendo ao máis listo, como acontece cos timos da estampita nos que caen aínda. Non sei se ao final será así, pero todo fai supoñer que de hora en hora nos irán dando máis timos.

 

De hora en hora

Te puede interesar