“Nani García Trío”, liberdade de expresión musical

O pasado día 3 celebrouse o Día da Liberdade de Prensa e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol xunto coa Obra Social A Caixa (sen dotación económica non se poden facer estas cousas) puxeron en marcha a XII edición do premio Xosé Couso da Liberdade de Prensa”p que como todos saben este ano recaeu no xornalista Miguel Ángel Aguilar, paradigma na defensa desas liberdades.
Como é tradicional o remate do acto central que sempre ten lugar nese senlleiro lugar que é o teatro Jofre, corresponde ao chamado Concerto da Liberdade cuxa responsabilidade corría a cargo case sempre da Real Filharmonía de baixo a batuta do meu prezado amigo Maximino Zumalave, pero a organización considerou que era preciso abrir o abano a outras músicas, a outras linguaxes tamén escritos nas cinco ringleiras do pentagrama e pensouse para esta ocasión no que para moitos é o arquetipo da liberdade de expresión musical: o jazz, e Galicia conta con excelentes intérpretes e compositores como é o caso dos músicos que nos acompañaron neste evento: o “Nani García Trío”, unha formación clásica e básica (piano, batería e contrabaixo) que fixo as delicias dos espectadores; dos que somos seareiros deste tipo de expresión musical e dos que aínda non o son, e aí queda a reacción do público que aplaudiu ata o punto de que os músicos regalaron un bis “ All the things you are” de Jerome Kem, en agradecemento á reacción tan favorable. O resto do repertorio foi da autoría de Nani García o que lle dou un valor engadido ao concerto.
Un estilo que nace como tal a finais do século XIX e vaise asentando no XX, tanto que chega a ser considerado como a música clásica da época. Din os estudosos nesta materia que nace da mestura da musica negra coa europea con trazos moi característicos como son un especial sentido do ritmo definido como “swing” e a liberdade de improvisación que dependerá como é lóxico e natural da capacidade dos interpretes. Isto quer dicir que cada solista ten o seu discurso e recorre á liberdade de expresar os sentimentos que garda na súa mente e traslada case como un impulso eléctrico ao instrumento. A improvisación é o terreo polo que transita un músico de jazz e xa que logo o resultado final dependerá de como estea nese momento de inspiración e de ánimo. 
“Nani García Trío” deixou a súa tarxeta de presentación o pasado día 3 no Jofre con apuntes de músicos consumados, imbricados nun proxecto común que é facer jazz ao seu xeito, que é a maneira idónea de abordar esta música. Son tres amigos perfectamente compenetrados que seguen o guión segundo as notas van xurdindo dos seus maxíns e o resultado é espectacular. Nani García ademais de ser un excelente intérprete de piano é compositor: aí están as súas músicas para películas de animación, para series de TV, etc, e as pezas do seu repertorio, obras case sempre feitas en clave de jazz. Simón García pertence a ese grupo de talentos que xorden no panorama musical de tarde en tarde. Malia ser un destacado contrabaixista tamén ten o don da composición co que está colaborando a poñer en valor o contrabaixo como instrumento solista. E que dicir de Miguel Cabana, un estudoso da percusión e da batería, licenciado en jazz Performance pola Guidhall School de Londres e profesor da Escola Municipal de Música de A Coruña.
Todos para un e un para todos, son os tres mosqueteiros do jazz galego que pronto volverán estar en Ferrol. Abofé.
 

“Nani García Trío”, liberdade de expresión musical

Te puede interesar