Si home si

Vn ou escoitei hai uns días nunha enquisa –lamento non poder precisar en que medio, porque me esqueceu poñelo na servilleta de café onde anotei os datos– que a primeira cualidade que lle piden a un dirixente político é a honradez, máis do 60% dos encuestados. Pola contra, só un tres e algo colocan en primeiro lugar a experiencia, dato este moi manexado polas cúpulas dos partidos de sempre para tentar descualificar os candidatos de recente aparición. É verdade que a experiencia -non só no exército- é un grado, mais tamén é evidente que non o é todo e que, ademais, ninguén naceu sabido e, consecuentemente, sempre ten que haber unha primeira vez. A propia experiencia dinos que hai quen á primeira acerta e quen bota toda a vida erro tras erro. Porque é obvio que máis importante que sabelo todo é saber preguntar e a quen preguntalo. Iso, con todo, non quere dicir nin que a sapiencia non axude nin que boa parte do saber proveña precisamente da experiencia. En calquera caso, os electores -cando menos o que responderon a esta enquisa-, optan máis por outras virtudes ou capacidades, xa que, como quedou dito, só un escaso tres por cento valorou a experiencia por encima doutras cousas.
Con posterioridade –fixéronse públicos antonte–, apareceron os datos da última enquisa do CIS que, curiosamente, din que o PP é a formación política que vai resultar máis votada nas eleccións de xuño. Cando hai días lera que unha boa porcentaxe de votantes primaba a honradez á hora de definir o seu voto, pensei que xa ía sendo hora de plantarlle cara dunha vez a tanto latrocinio, ou presunto latrocinio, como levamos padecendo. Mais, case de inmediato, outros datos nos levan a entender que a cousa non é tan así. Porque, á vista do visto, xa non digo en anos senón só no último cuadrimestre, no tempo transcorrido desde as eleccións de decembro, o PP ten a consideración de partido máis honrado? E o seu presidente? 
Todo o mundo lembra como o secretario xeral do PSOE, nun debate televisado da máxima audiencia, lle dixo que non era honesto, e a xente tamén coñece que honesto é sinónimo de honrado, probo, recto, íntegro, recto, xusto... Xa que logo como casamos a preferencia pola honradez da primeira consulta coa preferencia da segunda, onde o voto maioritario vai parar á formación que demostra actuar cunha presunta maior falta de honradez? Todo moi confuso. Porque ninguén ousará negar o avultado do número de casos de presunta falta de honradez de destacados militantes do PP aparecidos nos últimos meses, ou hai quen si? 
Sen ir máis lonxe, pensemos nos papeis que provocaron a dimisión do ministro Soria, na imputación ou investigación de Rita Barberá ou na amnistía fiscal da muller do exministro Arias Cañete. Acábase de saber que o daquela ministro de agricultura non se ausentou do Consello de Ministros que aprobou a amnistía á que se acollería a muller, suceso que inmediatamente me lembrou o caso da exdeputada Tania Sánchez, cando tampouco se ausentou dun pleno municipal no que se concedeu un contrato a unha cooperativa dun irmán seu. A historia da presunta falta de honradez é a mesma, idéntica. A diferenza só radica no montante, no diñeiro que pode haber polo medio. Tal cal. Por suposto que hai que apostar decididamente pola xente honrada á marxe de calquera outra circunstancia, que haberá que analizar despois.
Sinceramente, nunca deixou de preocuparme de todo iso de “dime con quien andas y...”, que di o refrán.

Si home si

Te puede interesar