AI, AMIGO...!

|

Entre as arelas, que se ocultan nas raiolas do solpor que me cega mentres paseo pola rúa do Sol, cavilo un mencer arredado da fame de xustiza e da  ruína moral e económica que afoga ao meu país.
Entre as habaneras que se perden, brincando, no medio das luces de neón que asolagan a praza de Amboaxe, deito estas miñas palabras que son, amigo, un canto á esperanza.
Entre os tronos, a  música, e os traxes de épocas pretéritas a se preparar para encher de espectáculo a miña cidade, preñada de desesperación, aboia o meu devezo dos pexegueiros en flor, da chegada das andoriñas, do asubío do merlo, do canto do xílgaro... e do ir e vir dos mazaricos pola ribeira.
Entre as palmeiras do Concepción Arenal cinco pombos planifican o futuro e as gaivotas, disciplinadas, recollen o botín, refugallo do lecer dos pícaros que alí habitan.

 

AI, AMIGO...!