RESACA DE GREVES

Xa pasou esta última greve xeral e pronto virá outra, que tampouco terá maior repercusión nin servirá para grandes logros sociais nin avances na estrutura social do estado de dereito nin no do benestar, como rezan todos os loables obxectivos deste tipo de protestas, que fracasan unha tras outra pola súa mala planificación.

As greves xerais non son ben aceptadas polos galaicos porque van contra a idiosincrasia dos autóctonos, que son incapaces de estar 24 horas acomodados. O máis efectivo é deseñar a xornada de protesta desde as sete da mañá até as doce do mediodía. Os piquetes conseguen os seus minutos de gloria ás portas duns supermercados e dunhas zapaterías, despois reúnese a xente para a manifestación matinal e punto final. Todo a tempo para ir tomar os claretes e facer a compra diaria ou incluso aproveitar a mañá para ir facer unha xestión á compañía de seguros ou pasarlle a ITV ao coche.

Calquera sabe que as greves xerais en territorio galaico só duran unhas horas nas cidades e nas vilas apenas uns minutos. Nesta última daba gusto ver a algúns informadores almorzar nas cafeterías ás dez da mañá antes de ir pechar grandes superficies comerciais. Un destes sindicalistas comentaba ás oito da noite nun bar, aínda en horario de peche xeral, o éxito da convocatoria. Explicaba el que conseguiran parar a produción do sector naval ferrolán, eu como moitos dos que escoitábamos a arenga, quedamos perplexos ao saber que Navantia tiña carga de traballo aquel día. Ao final do día seguro que de tanto branco Castilla tiña resaca de greve.

O éxito ou fracaso dunha greve xeral mídese na frecuencia do transporte público e non no consumo de electricidade, de aí o interese de que non saían autobuses nin convois por parte dos piquetes, que simplemente paran os primeiros ómnibus da mañá, porque pola tarde todo volve a funcionar con normalidade e os contadores das compañías eléctricas deron menos voltas o 14-N como dous días antes. Coa cantidade de empresas que pecharon nos últimos anos non é de estrañar que calquera tipo de enerxía diminuíse. Esperade, que vou comprar tabaco! Foi unha das frases que escoite a un integrante dun piquete informativo a iso da una da mañá antes de obrigar a pechar un bar a gritos, cando os propietarios xa estaban cerrando o local.

As verdadeiras greves son as que se realizan cando é o momento das eleccións, non indo a votar ou facéndoo en branco ou con sufraxios nulos, pero non ten sentido que os mesmos que piden o apoio para un partido, aos poucos meses se sumen a unha greve. Os galaicos non entenden iso, pero aproveitan a xornada para ir rozar os montes e cortar as silvas, por iso pensan que cunhas horas de protesta chega, como xeralmente sucede.

RESACA DE GREVES

Te puede interesar