Deixalo para despois

Opresidente Rajoy deu a entender que non ten intención de realizar ningunha reforma de calado até o luns seguinte ás eleccións galegas, ao igual que aconteceu cando o Goberno estivo en anuncios de despiste mentres os andaluces non acudían ás urnas. Que imos estar a velas vir durante case dous meses, aínda que os mercados, ese ente abstracto, non sei se estará polo labor de agardar tanto tempo engordando a bóla de neves da recesión e o endebedamento da economía do Reino. Talvez, o 22 de outubro sexa moi tarde ou non estamos tan mal como nos queren dar a entender desde a capital mesetaria, aínda que Bruxelas proclame o contrario.

Imos estar sen actividade parlamentaria nin iniciativas políticas tanto no Reino como en territorio galaico, así que estamos como queremos: tan mal está todo que os comandantes poden deixar á tropa dous meses sen dirección. Seguro que nesas semanas haberá máis recuperación que se houbese Executivo a pleno rendemento facendo leis para encher o DOG e presentar balances de actividade.

Calquera que se anime a descolgar o teléfono e chamar a San Caetano encontrará a resposta de que non poden facer nada até que pasen as eleccións, que non hai mando porque toda a actividade está parada até que se clarifique o panorama político.

Menos mal que os galaicos xa estamos afeitos a que non teñamos goberno e, polo tanto, sabemos solucionar a vida diaria por nós mesmos, sen que nos digan o que temos que facer. Ao final todo se resolve e nos dá igual que estea o mando do Parlamento. Se non é así, recordemos o tan traído e levado concurso eólico do bipartito, que foi anulado polo unipartito e que xa nestes momentos no existe ningún e agora a vida continúa sen que o que foi considerado un gran problema influíse no prezo do leite ou da sardiña. A maioría das ocasións, os galaicos descoñecemos para quen se goberna.

Os verdadeiros asuntos de interese autóctono, como as portaxes da autoestrada ou o prezo dos carburantes, quedan por aí esluídos en declaracións que chaman a atención, pero só son iso: palabras perdidas. Mentres que o tren de alta velocidade é o rei dos nosos males que se solucionarán coa chegada da locomotora, outros problemas quedan no esquecemento, como o de pagar a gasolina máis cara tendo unha refinaría no territorio.

Se chegamos até o século XXI sen extinguirnos de todo, ben podemos sobrevivir outra tempada secular sen ocupar un lugar nos museos de antropoloxía como seres que decidiron suicidarse colectivamente cando cambiaron o viño tinto con pan e a augardente con azucre de almorzo polo colacao con galletas e torradas integrais con marmelada.

 

Deixalo para despois

Te puede interesar