O drama mediterráneo

como se dun auténtico e xigantesco anfiteatro se tratase, o Mediterráneo é un espazo no que se está a producir, a xeito de metáfora atroz, o desenvolvemento dunha peza que pode conectar coa traxedia clásica que deu á cultura multitude de relatos cos que milenios atrás se ocupaba á poboación das ribeiras deste territorio marítimo nas horas de lecer. Agora, esa “obra dramática que representa unha acción seria e grave onde o protagonista é levado á catástrofe” ten faciana de nenos, mulleres e homes que veñen á desesperada procura dunha vida alternativa á fame, miseria e desolación que soportan nos seus países de orixe, vítimas do espolio colonial foráneo.
Pois ben, se vemos a situación do xeito en que se desenvolve a narración dramática, ollariamos para dous actos de tensión e un enredo que busca pór o foco nunha dirección antagónica. Velaí está esa carga de traxedia humana que, na imaxe, vén representada pola situación agónica que se vive nas embarcacións flotadas por entidades altruístas de axuda para facilitar o transito das persoas que foxen da súa vida de presidio, sen saída. Porén, non son todas, non. É a punta dun iceberg que na outra gran parte dos casos está operada por mafias ás que non lles importa guindar ás augas do mar as persoas que transportan, diante do primeiro obstáculo ou mesmo como práctica homicida e sádica. Este mar Mediterráneo é, magoa diso, unha grande fosa común. Aquí tamén debemos lembrar ás xentes que caen polas balas irresponsábeis dos gardas fronteirizos ou por ese infame valado de arames, espiños e coitelas que mutilan os seus corpos.
Noutro espazo do gran escenario está a política europea. Xestos de acollida que non pasan dunha operación de maquillaxe a respecto dun fondo real no que non se quere a presenza masiva dunha inmigración que está a provocar unha reacción social de cor xenófoba. Por iso, os responsables dos gobernos na Unión Europea buscan solucións que afasten para fóra do propio territorio este gran éxodo humano. Plataformas de desembarco e centros para clasificar á poboación que forma esa riada migratoria, en territorios dos propios países africanos. Lonxe da casa propia. Esquivar a propia responsabilidade perante os efectos dunha situación de inxustiza que pide solidariedade. Neste escenario tráxico, os Xogos do Mediterráneo, para alén dun evidente fracaso na súa xestión, semellan un enredo propio dos xogos da fame.

O drama mediterráneo

Te puede interesar