penso que non esaxero se digo que as persoas da miña idade que tivemos o privilexio de frecuentar o cinema aprendemos o que era o maniqueísmo nas películas, nomeadamente nas do oeste, as de vaqueiros. Nesa altura había cantidade delas. En todas, sen excepción, había alguén –“el chico”, chamabámoslle– que era moi bo, moi bo e que, ademais, posuía todas as características que o sistema capitalista norteamericano quería que se convertesen en paradigmas da sociedade do futuro: era guapo, simpático, valente, xusto, intelixente, resolutivo, prudente... Pero, sobre todo, bo. Como non podía ser doutra maneira, as mulleres adorábano, sobre todo unha –“la chica”–, así mesmo guapa e bondadosa, outra xoia, vaia. Obviamente, as persoas que os acompañaban na historia que se nos ofrecía, sen chegaren a ese nivel, tamén estaban adornados de características similares e, como non, eran bos. Tanto era así que os espectadores en xeral, non só a cativería, practicamente vivían con eles os minutos que duraba a proxección, considerándoos, case, como da familia. De feito, eran os nosos cando entraban en acción para frear as accións dos malos. Porque eran historias de bos e malos. Os que encarnaban a maldade, os malos, podían ter diferentes procedencias, mais, iso si, eran moi, moi malos, peores, e sempre perdían. O ben acababa por derrotar ao mal, xa que logo xa nos indicaban de que lado había que poñerse. A miúdo, os malos eran os indios –de todas as tribos habidas e por haber–, que sempre eran malos. Non había indio bo. E nesas pelis o chico viña sendo un militar. Daquela, como hoxe, os Estados Unidos estaban metidos en diferentes fregados e o 7º Rexemento axudaba a vender imaxe das bondades do exército imperial. Os indios, que estaban tranquiliños nas súas terras sen se meteren con ninguén, eran os malos, como o eran, no tempo real, os camboxanos ou os vietnamitas. Hoxe xa non se estilan as coboiadas, que din os portugueses, mais, penso, que a mesma mensaxe se transmite do mesmo xeito subliminar nos filmes de ciencia ficción espacial, dos que non gusto. Polo que teño visto, tamén hai bos, boísimos contra malos, malísimos. E aí seguimos. Non hai regulares en ningún dos bandos.
Escoitando os informativos parece que na vida cotiá tamén non hai regulares. Un dos malos peores é Nicolás Maduro enfrontado, sen razón de ningún tipo, só pola súa intrínseca maldade, aos chicos, chamados Capriles ou Leopoldo López, bos onde os houber, do melloriño, ambos. E demócratas, por riba de todo. Como perden eleccións non queren que haxa referendo e poñen Venezuela patas arriba. Pero como para o imperio son os bos...