Canido: unha cruz supervivinte e un cristo errante

Rematou o IX Congreso dos Amigos dos Cruceiros no Museo do Mar de San Cibrao en Cervo. No mesmo presentei un relatorio sobre o histórico cruceiro de Canido, sinal de identidade do barrio alto ferrolán. A cruz de pedra canidense, derrubada e ergueita de novo varias veces, sobrevive hoxe arrodeada de bolardos na praza onde naceu e onde preside as festas da Santa Cruz de Maio, alí celebradas desde tempo inmemorial. 
A referencia máis antiga da cruz fíxoa o cura Souto Vizoso, que, sen apoio documental algún, informou que o primeiro cruceiro da praza foi bendicido na presenza do conde de Andrade na festa da Santa Cruz do ano 1387. 
Outra referencia do cruceiro foi de Montero Aróstegui, que escribiu que o ano 1679 era de madeira e logo de pedra coas imaxes do Redentor e da Virxe, celebrándose o 3 de Maio unha procesión de rogativa.
Derrubado o cruceiro, no ano 1839 levantouse o terceira cruz de pedra, unha obra neoclásica cunha cruz figurada soportada por unha espigada columna. O 3 de Maio de 1909, na festa da Santa Cruz, procedeuse á bendición dun novo cruceiro, obra de Rodolfo Ucha erixida por subscrición veciñal, substituíndo ao anterior, tamén tirado ao chan de xeito vandálico. 
O novo cruceiro, rematado cunha cruz adobiada coas imaxes de Cristo e a Virxe das Dores, foi novamente derrubado durante os convulsos tempos da Segunda República. 
 De novo un 3 de maio, o ano 1938, ergueuse o cruceiro actual, unha obra elaborada de fina pedra de gra, con imaxes de calidade de Cristo e a Virxe da Piedade co Neno no seu colo. Levántase sobre tres graos octogonais, un fuste oitavado e un capitel de orde xónica. 
Trátase do sexto exemplar levantado na praza de Canido ao longo de máis de seiscentos anos, feito que amosa a supervivencia do cruceiro nun lugar onde se continúa a celebrar a festa relixiosa da Santa Cruz e onde segue adobiándose con variados motivos vexetais na celebración dos Maios, festas profanas que saúdan a chegada da Primavera.  
Outra cruz de pedra vencellada a Canido é o Cristo da Tahona. Trátase do remate dun antigo cruceiro erixido de orixe na praza de San Roque, cunha notable iconografía reflectindo a tradición das ordes mendicantes, amosando ao Crucificado acompañado das Santas Mulleres e San Xoán Evanxelista. 
Como elemento patrimonial máis antigo da cidade, datado a cabalo dos séculos XIV e XV, tivo un importante papel nas tradicións do barrio de Canido, estando encaixado desde o ano 1850 na fachada dunha vivenda da praza da Tahona. 
O ano 2002, despois de trece anos de discutible propiedade privada, o Cristo recuperouse para o Patrimonio Cultural ferrolán grazas a unha boa xestión do entón Concelleiro de Cultura Bonifacio Borreiros. 
Tras estar exposto algún tempo dun xeito dino no patio do Centro Cultural Torrente Ballester, foi retirado da vista pública, comezando unha triste andaina por almacéns, obradoiros, marmorerías e outros lugares. Volveu a Ferrol o ano 2007, despois de sufrir unha arrepiante restauración usando formigón e unha limpeza agresiva, que lle quitou a fermosa e nobre pátina fornecida polo paso do tempo. 
 Relegado de xeito descoidado nun recuncho do Centro Cultural, o ano 2012 o Cristo levouse a unha exposición no museo do cemiterio do monte Gaiás en Santiago. De volta a Ferrol, retornou ao Torrente Ballestar, ata que a actual corporación municipal retirouno da vista pública, sen que neste intre se coñeza onde se atopa agachado, nin as presuntas intencións que se teñen con referencia a esta obra.
Xa no mes de Setembro de 2009, no Primeiro Congreso sobre os cruceiros de Galicia celebrado no mosteiro de Poio, puxen ao Cristo da Tahona, coñecido como O Cristo Errante, como vergoñento e triste exemplo entre as máis de 15.000 cruces de pedra galegas, polo maltrato cultural recibido polo Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia..

 

Canido: unha cruz supervivinte e un cristo errante

Te puede interesar