Amadríades e Atilas no s. XXI

|

Xa o Sol atravesando a parroquia ferrolá de Brión cara ao Prioriño para enfilar o inmenso mar, dando de inmediato paso a unha noite clara de agosteira Lúa, tesoira de podar na man polo fondal da horta de Manxapán beiraribeira de Neda, abusada esta por uns e por outros no nome do progreso destructivo, dende Madrid e dende aquí, conseguimos ter unha ría moribunda, martir polo egoísmo e a despreocupación dos que mandaban. Santa Ría Martir de Narón e Neda, que abarca dende a desembocadura do río Grande de Xuvia ate “o terraplén da vía do ferrocarril.
Que alguén se preocupe de resucitala, ondenón, con gran solemnidade fágaselle as exequias funerarias. Hai tempo de a salvar. Hai sistemas para recuperala, o principal sería abrir paso ás correntes das mareas para que pouco a pouco fora saneando. Hoxe sería doado cos grandes adelantos e as técnicas de inxeñería. O problema, o de sempre, querer facelo e ter o diñeiro para a obra.
Perdón por me saír do guión, é que a paixón me invadira o corpo por uns momentos. Ía coa tesoira de podar cara a unha árbore de quiwis, que eu chamo “quiveiro” dado por seco que de xeito milagreiro resucitou botando en poucos días unha ducia de abrochos que se vían medrar cada hora alcanzando varios metros de largo.
A miña intención non era outra que deixar unha guía soa para facer máis forte a árbore. Cando xa a tesoira nas mans boca aberta ía dar o primeiro corte, escoitei unha voz, pareceume feminina polo tono, que dicía: “Deixa a árbore tal medra. Que a Nai Natureza decida”.
Ollei cara aos catro puntos cardinais e non vin a ninguén, mais aquela voz que resoaba na ría, pensei, puidera ser a voz da miña conciencia ou, posto xa a caer en pensamentos profundos e libres, puidera fora a voz lonxana no tempo dunha daquelas ninfas que na mitoloxía grega personificaban as forzas vivificadoras da Natureza, unha Hamadríades das que nacían unidas a unha árbore á que protexían e coa que compartían destino.
A Natureza é moi sabia, recordei; nin varios millóns de sabios xuntos son capaces de saber o que Ela. Tirei a tesoira ao chan, de inmediato.
Meditei no daquela voz que en tono melódico me daba consello ou me advertía. Recordei o do “paxaro máxico” que lle falaba ao “paxaro maduro”; incluso se me achegou á cabeza a doutrina esotérica de Aristóteles. 
Ás veces fantasía e realidade atopanse no camiño e xuntas, en amor e compaña, fan unhas millas.
O suceso da horta de Manxapán segue a darme voltas e reviravoltas na cabeza. Sería a voz da conciencia colectiva que se anticipou á miña inconsciente intención de mutilar o “quiveiro” que hoxe medra con inesplicable vitalidade, con todas as guías que a Natureza quixo, por derriba dun emparrado dando sombra e frescura, e poida que pronto froita. Poida.
Que sabia a Natureza e que mal a tratamos. Acabamos con todo, fontes, ríos, mares e o aire que respiramos. Acabamos co planeta Terra.
Tanta intelixencia humana e robótica, tanta tecnoloxía para destruír cidades, pobos enteiros, millóns de vidas, entre a fame, a miseria, os atentados e as guerras.
Mágoa tanta sabedoría para cometer verdadeiras barbaridades. Canto refugallo humano manexando o mundo. Canto egoísmo e canta intolerancia, que antes de razonar disparan.
Agora, despois de empezoñar este noso planeta Terra, os super intelixentes eroes, donos do que quedou del e reponsables do planeticidio, tratan de atopar outro para repetir a acción da sen razón. Avanzamos no tempo, pero recuamos humanitariamente.
Nas mans de que cerebros malignos inzados por unha praga de egoísmo elevado á quinta potencia (tolos de inmediato ingreso nun psiquiátrico, para curar) está este ingobernado Mundo?

Amadríades e Atilas no s. XXI