Españois en Mauthausen

Hai quen opina que é mellor non remexer no pasado. Quen así se manifestan son os herdeiros ideolóxicos do réxime,  os cómplices do roubo da verdade. Defenden con inusitada belixerancia o silencio, o borrón e conta nova como se aquí non houbese pasado nada. Corenta anos de obscurantismo meteron a varias xeneracións na ignorancia absoluta respecto á nosa historia máis recente porque a historia case sempre a escreben os que gañaron a guerra.  Por outra banda os políticos que deseñaron a transición, fixéronno coas pistolas detrás da caluga e as espadas levantadas sobre as súas cabezas, forzados a ter que nadar e gardar a roupa. É bo lebrar que a maiores do  golpe do 23 de febreiro xurdiron outros intentos e houbo que andar con pes de chumbo.  Por mor de todo iso, nos libros de texto, como moito, pásase de puntiñas por esa etapa negra da nosa historia máis recente, e xa vai sendo hora de que se conte a verdade.
Carlos Hernández é un xornalista que está nesa arela e no seu documental “Deportado 4443” conta en primeira persoa o calvario sofrido polo seu tío Antonio Hernández, o deportado 4443, no campo de de Mauthausen. Máis de 9.000 españois estiveron nos campos primeiro de refuxiados en Francia onde a democracia da “Igualdade, Fraternidade e Liberdade” tratounos coma delincuentes, e logo nos campos de concentración onde moitos deles foron asasinados grazas á intervención do “cuñadísimo” Serrano Suñer que foi a Alemaña a dicirlle a Hitler que eliminase aos republicanos españois deportados nos campos nazis, comezando así un auténtico calvario para os nosos compatriotas e amosando os verdugos a cara máis abxecta e miserable do ser humano.  
Son necesarios xornalistas coma Carlos Hernández que nos mostren  a verdade do acontecido sinalando aos responsables  de tanta atrocidade. Logo de pasar moitos anos, por aquí seguimos igual coa praxes de vale máis non remexelo, ignorando aos deportados españois. Hoxe en Francia son considerados heroes.  Aquí,dende o silencio cómplice, mantemos unha fundación denominda “Francisco Franco” e outra “Ramón Serrano Suñer” subvencionadas co diñeiro de todos os españois. Vergoñento. Imaxinan unha fundación en Alemaña chamada “Adolfo Hitler” e outra en Italia denominada “Benito Mussolini”? A que non? Pois iso. O documental está a disposición de todos vostedes en You Tube.

Españois en Mauthausen

Te puede interesar