Enredar

|

Seguimos con el adoctrinamiento”, foi a frase coa que unha profesional da COPE, a emisora dos bispos católicos, finalizou unha entrevista realizada a unha das portavoces das nais e pais de alumnos do Colexio Público “Virgen de Gracia” da vila de Altura, que se manifestaran –con trazas de estaren mobilizadas polo PP– contra a decisión da Generalitat Valenciana de introducir a materia de relixión islámica como optativa. 
Polo que puiden ler e escoitar, trataríase de que o alumnado escollese unha materia a cursar entre relixión católica, relixión islámica ou unha materia alternativa. Xa que logo, non se pode falar de ningún tipo de imposición, como se podía ler no texto dunha pancarta:  “Integración si / Imposición no / No a la imposición / de la religión islámica”, todo escrito con maiúsculas, con os “no” destacados en vermello, a cor utilizada pola censura franquista.
 É por iso que me fixo graza escoitar como os adoutrinadores de toda a vida acusan de adoutrinamento a quen non pretende adoutrinar. Ou algún escolar do antedito colexio vai estar obrigado a cursar relixión islámica se non quixer facelo? Está claro que non. Daquela, u-lo adoutrinamento?
Cando lin a noticia das protestas non tiña nin idea da existencia do concello de Altura, que agora sei que está na comarca do Alto Palancia, ao sur da provincia de Castellón,  que ten ao redor de catro mil habitantes e que está gobernado polo PSOE. Souben, ademais, que naceu como municipio árabe da taifa de Balansiya (Valencia), un dos reinos que  se crearon co fin do Califato de Córdoba, a comezos do século XI, ata que,  xa no século XIII, o rei Jaume I o incorporou á coroa de Aragón.  
Tamén me enterei de que unha das cousas relevantes da historia da vila é a da pacífica convivencia entre os habitantes cristiáns do casco urbano e os mouros e xudeus residentes no arrabalde ou alxama sarracena. 
Nada que ver, parece, con esta guerra do estudo de relixións. Eu son partidario de que ningunha relixión debe ter ningún tipo de presenza en ningún nivel do sistema educativo. Simplemente porque estou firmemente convencido de que adoutrinar os escolares nalgunha relixión non deixa de ser un atropelo á súa liberdade.
Cando meus fillos estudaron a EXB e o BUP podíase escoller entre cursar relixión ou ética e recordo que Gael, o pequeno, se declarara budista para non ter que estudar nada xa que no seu instituto non había profesorado preparado para impartir esa relixión. 
 

Enredar