EL TORO SIENTE, PERO NO SUFRE...

Con esta frase se despacha o aleuto alcalde de Tordesillas á sazón socialista, defendendo a esgalla o salvaxismo desa festa do Touro da Vega que agora, un ano máis, toma vixencia porque o pasado día 15 torturaron a outro animal no nefando espectáculo do que tanto se oufana José Antonio González Portela, o mandatario do villorio.  Claro que, cando menos unha vez ao ano, Tordesillas está nos papeis e nas televisións, cousa da que o novo alcalde socialista se debe  sentir fachendoso representando así á parte máis abxecta desa poboación medieval que goza coa tortura pública dun animal. Que estea aí defendendo o indefendible cando o seu secretario xeral manifesta que este ano será o derradeiro torneo, resulta cando menos un paradoxo ( claro que en política é moi doado dicir Diego onde denantes dixeches digo) porque Pedro Sánchez xa manifestou o mesmo o ano pasado, e aí seguimos. Pero vostedes se preguntarán que importancia pode ter a tortura dun touro diante das outras  calamidades que acontecen no mundo “civilizado” no que nos tocou vivir?, e teñen razón en pensalo, pero cousas “pequenas” como a de Tordesillas poñen de manifesto a condición dalgúns seres humanos e dos seus comportamentos que os definen como as bestas máis bestas entre os animais, malia que algún diga que namentres os mozos alancean ata matar a un touro, como manifesta un farmacólogo da Universidade de Valladolid, non arremeten contra as mulleres da vila ( deus, hai que ver o nivel que temos nalgúns estamentos universitarios!). Ao máis puro estilo do medievo. E así imos pola vida. As parvadas do alcalde son propias dun parvo e xa sabedes que en todas as vilas e aldeas hai un  miña xoia. En Tordesillas por suposto tamén teñen un: o alcalde socialista,  e na Universidade de Valladolid teñen outro; o ínclito Manuel Martín Arias, o farmacólogo ese, pola parvada aludida. Diante de elementos así que forman parte de estamentos oficiais, un non ten máis remedio que se preocupar. Creo que xa comentei noutra ocasión a frase aquela  do que fora prezado profesor da universidade de Compostela, Alonso del Real, que dicía: “non hai cousa máis parecida a un parvo de dereitas que un parvo de esquerdas”. Que a barbaridade da festa do touro de Tordesillas a queiran disfrazar de ben cultural, de  tradición que hai que salvagardar e doutras burradas similares ( con perdón dos cuadrúpedes), non deixa de ser unha parvada como a copa dun pino a diga un socialista ou un facha de Valladolid. Eu, namentres sega esta desaforada animalada, teño a Tordesillas, co parvo do seu alcalde socialista ao fronte, borrada do mapa. Namentres esa tropa de descerebrados sega a impoñer a tortura dun animal como divertimento non me verán por alí nin para lembrar a Juana la Loca, raíña de Castela, encerrada en Tordesillas ata súa morte por unha loucura alegada polo seu pai e fillo para afastala do trono. Hoxe en Tordesillas hai máis loucos, e máis perigosos. E o caso é que xa existen leis de protección aos animais, pero sempre se lle buscan excepcións co cal, na maioría dos casos, esas leis non serven para nada. Tan so cabe esperar que a política, a única ferramenta que serve para que as cousas cambien, case sempre para mellor, actúe en consecuencia e pase da palabra aos feitos  suprimindo por decreto unha festa que nos transporta á mais abxecta condición do ser humano. Os nosos antecesores mataban animais para comer, non para se divertir. Que o alcalde socialista de Tordesillas se poña de parte da estulticia, no axuda nada a esa vila, á cultura da xente que vive nela e sobre todo non axuda nada ao socialismo. Abofé.
 

EL TORO SIENTE, PERO NO SUFRE...

Te puede interesar