Todo se mangnifica nesta sociedade caníbal

|

Recoñezo que tento fuxir do inmediato, da velocidade cada vez máis crecente que se apodera das nosas vidas. Non é doado. Non sempre me deixan. Se fose polos “buscadores” de novas, estaría saltando sobre a póla da nova en quente, dicindo o primeiro que vén á mente sen sequer analizar con detalle o feito, o texto que sustenta ese feito, as súas causas e as súas consecuencias. Non quero actuar así.
De primeiras, asumo que eu son doutra xeración. Cando era estudante, por exemplo, recibía a chamada da miña nai e pai no bar onde parabamos ao remate da xornada. Se había algo urxente, deixaban un recado aos donos do bar. Cando chegaba o fin do día e pasaba polo bar, informábanme e chamaba a casa, mentres contaba os “pasos” para non superar a contía de diñeiro da que dispuña para a propia chamada, o bocata e a bebida. Nada era tan urxente que non puidese agardar. Hoxe, semella que esa forma de proceder é impensable. Non obstante, para min sería desexable.
Cando vexo ao meu redor como se viven as modas que inoculan nas nosas mentes e costumes as empresas das tecnoloxías da información e da comunicación, recoñézoo, desexo voltar a eses tempos onde existía un pouso de tranquilidade para asumir os feitos, para reflexionar e falar con sentido e coñecemento de causa.
En certo modo, todo isto ten que ver co asasinato da nena en Compostela. Coa voracidade con que a nova devorou e devora todo elo de racionalidade, onde as páxinas webs dos principais medios compiten para ver quen actualiza antes as novas sobre o crime, de tal forma que no primeiro ou segundo día podía ler en dous medios diferentes aspectos do crime totalmente antagónicos. Todo con tal de ser diferente e lido. A credibilidade, ante esa irracional velocidade do morbo, sinxelamente morre. Pero os picos das webs non deixaron de experimentar brutais aumentos. Seguro.
Vivimos nunha sociedade caníbal, por recoller o acerto do título dun libriño de Christian Salmon, La ceremonia caníbal. Sobre la performance política (Península, 2013). A velocidade devóranos. A xornada laboral devóranos. E as persoas devorámonos. Sen ollar onde está a causa da que parte todo mal e de onde provén a falta máis absoluta de ética e de principios morais.
Christian Salmon di algunhas cousas que me retorcen porque sei que ten razón. A sociedade que construímos vai por un sendeiro que non é o meu. A racionalidade sucumbe fronte ao relato do espectáculo: “La política no se reduce a leyes y decretos. Hacen falta formas y figuras. Gestos y cuerpos. No hay política sin cierto régimen estético, es decir, un conjunto de percepciones, de sensaciones y de afectos” (p. 53). Pero o paradoxo é que mentres a sociedade vive atrapada na ilusión tecnolóxica, os poderes si ultiman esas leis e decretos para autoperpetuarse. Por iso penso que non se pode confundir a realidade dos feitos coa explicación que se fai deses feitos.
Christian Salmon considera que a política perde crédito, tanto as persoas como as propias institucións, e describe que unha das causas está na “hiperpresencia mediática de los gobernantes y a la tentativa de controlar la agenda a través de la folletinización de la acción política” (p. 61).
Isto é certo. Mais, nun país onde os medios son empresas, que procuran beneficios, e onde existe unha loita polas axudas concedidas desde criterios nada transparentes, asistimos a un dobre fenómeno: a) por unha banda, constatamos esa hiperpresenza mediática sobre todo de quen ostenta o poder; b) pola outra, a deformación da realidade política e social, onde a información é sometida á manipulación interesada para beneficio de quen domina o escenario mediático.
A ilusión tecnolóxica está desvirtuando mesmo o que significa informar. Xa non digamos escribir. Ou analizar. Política de titulares. Se un non ten twitter... uff!! que sacrilexio!! Non hai día que me teña que anoxar por ver artigos de xornal con faltas de estilo,de sintaxe, de ortografía. Cada vez vexo máis... Claro...  é preferible ser rápido!!!
Si. Algúns dirán que xa estou chegando aos 45, mais iso non é impedimento para que sinta que estamos nunha enorme cerimonia caníbal na que participan a sociedade e a política.
E isto, amais do triste asasinato da nena en Compostela, levoume ao libro de Wendy Lower, Las arpías de Hitler. La participación de las mujeres en los crimenes nazis (Crítica, 2013), onde a normalidade (algúns queren, para tranquilizarse, chamarlle loucura) é a que explica os crimes máis aberrantes da historia da humanidade.

 

Todo se mangnifica nesta sociedade caníbal