Ría e porto de Ferrol... ¿patrimonio natural ou cecais algo máis?

No errabundo e ata de agora pouco eficaz camiño comezado o ano 2001 polo Concello de Ferrol para atinxir o galardón de Patrimonio da Humanidade para a Cidade da Ilustración, este último ano pasouse a poñer en valor o Conxunto Patrimonial Histórico da urbe co título de “La ciudad de Ferrol. Puerto de la Ilustración”, onde, como un dos cinco subconxuntos ou zonas que forman parte do mesmo, considérase o Porto Natural, que abrangue o espazo xeográfico da ría de Ferrol, referido singularmente a súa orografía e hidrografía. 
Deste xeito preténdese promover o feito de considerar á Ría e Porto de Ferrol como un importante recurso do Patrimonio Natural. Débese lembrar que realmente se trata dun recurso problemático e moi degradado, por mor de variados factores tales como as alteracións ao seu espazo orixinal, a crecente sucidade, a falta de saneamento, os abondosos vertidos e a contaminación sufrida polas augas da ría. 
Si para algúns a construción do novo Porto Exterior na bocana da ría, entre os cabos Prioriño e Segaño, puidera orixinar unha futura mellora das condicións naturais da Ría de Ferrol, a escasa, e en ocasións nula, depuración das augas residuais, a presenza de empresas como Reganosa, Forestal del Atlántico e Megasa, o Arsenal Militar e os estaleiros de Navantia en Ferrol e Fene, a construción das pontes das Pías e do tren na Faisca, os paseos marítimos de nova creación, son factores que inciden na pobre valoración da Ría de Ferrol como Patrimonio Cultural e Natural.
O Foro de Amigos de Ferrol entende que este intento de posta en valor do Patrimonio Natural para la Ría e Porto de Ferrol deberíase reforzar coa agregación ao mesmo do Patrimonio Deportivo, o Patrimonio Monumental e o Porto do Camiño Inglés. En primeiro lugar débese insistir na importancia de incluír o Patrimonio Deportivo, polo que poden significar tanto  a protexida Ría, polas súas magníficas condicións para a navegación deportiva, como o porto de Curuxeiras, si chegase a albergar o Porto Deportivo que lle corresponde a unha cidade como Ferrol, así como a creación dese necesario Club Náutico civil.
Do mesmo xeito débese incluír e por en valor o notable Patrimonio Monumental da Ría de Ferrol, tanto os castelos de San Felipe e A Palma o resto das construcións defensivas, como os mosteiros de San Martiño do Couto e de Santa Catalina de Montefaro, as ermidas de San Cristóbal e de Chanteiro e o resto de monumentos da ría.
Por último cumpre incluír e promover o Porto e Ría de Ferrol como o inicio dunha das ramas do Camiño Inglés desde época medieval. Ao porto de Ferrol chegaban naves procedentes dos portos ingleses de Plymouth, Southampton e Bristol, así como de outros lugares do norte de Europa, previa escala en portos franceses e españois. Débese recuperar esta ruta y potenciala nas súas diferentes aspectos culturais, turísticos e deportivos.
 

Ría e porto de Ferrol... ¿patrimonio natural ou cecais algo máis?

Te puede interesar