O Nadal

Xa finalizaron as festas de Nadal na nosa cidade, e xa era hora. Só os que actualmente somos pais de nenos pequenos coñecemos o valor terapéutico do bendito colexio; e os avós tamén. Tres semanas de vacacións legais desaxustan o equilibrio emocional de calquera pai traballador. Apoiaría un recorte do período vacacional por Decreto-Lei, sen referendos nin cogombros en vinagre. Pero hoxe non vou falar de terrorismo infantil senón de política municipal ferrolana. E fágoo para felicitar o sr. alcalde e a súa concelleira de Festas, Susana Martínez, polas actividades que se viñeron programando nas últimas datas. As rúas de Ferrol estiveron cheas como nos seus mellores tempos. A teor do visto, ninguén podería pensar que estamos a pasar unha difícil crise económica. José Manuel Rey volveu demostrar que “se pode facer máis con menos”, como a él e ao propio Feijóo lles oín dicir en diferentes ocasións. A programación foi novidosa; a pista de xeo no Cantón, o Belén xigante da praza de Amboage, o aumento da iluminación do Nadal en diferentes zonas da cidade e as actuacións musicais, déronlle vida á cidade e axudaron a mellorar as expectativas económicas do comercio ferrolano. Porque o noso comercio é un patrimonio que debemos coidar e valorar. A boa xestión nesta área do goberno xa non é casual; empezou o pasado verán coas mellores festas estivais que se recordan na bisbarra. Na memoria de moitos ferrolans amantes da música, comeza xa a considerarse “mítico” o concerto dos anos 80 que se celebrou no Cantón e que tivo unha presenza multitudinaria. Este goberno está a demostrar que se pode dinamizar á sociedade civil contando con ela e mirando cada euro coma se fose o último. Vólvese demostrar que o investimento en festas opera como un acelerador do consumo no propio ámbito espacial no que se desenvolve. Ferrol convertéuse nunha capital atraente, con xente que veu de toda a provincia e norte de Lugo. E aquí enlazo este feito coa política de rigor orzamentario do propio goberno. Unha política económica que se basea en non gastar nin un euro máis do que se ingresa e ademáis en pagar a débeda herdada. Así se goberna e o demais é unha simple suma de pancartas na rúa.

 

O Nadal

Te puede interesar