E o título dunha pelicula de Berlanga do ano 1978 na que o afamado director fai un retrato do entramado empresarial e político no tardofranquismo, un debuxo social que chega ata os nosos días. As escopetas están cargadas, o corno soou e comezou a cacería. A peza máis cotizada: o político. Os cans, inquedos e nervosos saíron en frenética carreira dispostos a levantar a peza. Estas proliferan tanto que se fai preciso organizar partidas para manter o equilibrio, sendo as máis prezadas aquelas ás que se lles supón certas taras. Berlanga, se estivese aínda connosco, podería facer unha segunda entrega da súa exitosa película.
Non serei eu o que defenda a inanición diante de certas irregularidades no comportamento dos políticos; o que si digo é que a chamada clase política é un fiel reflexo da sociedade da que forma parte. Que esperabamos entón? Críamos que eran limpos, inmaculados, exemplares e perfectos? Pescudar na vida pasada e presente de alguén, sexa político ou non, lévanos a descubrir sen dúbida e dilación cousas que non nos gustan. Todos, todos sen excepción cometimos e cometemos incorrecións que están aí formando parte do noso lado escuro, incluídos por suposto aqueles que organizan o arreón cinexético. Non vale dicir que os políticos son seres especiais aos que se lle debe esixir a perfección moral. De sobra sabemos que non é así. Quen de nós, por exemplo, non andou na procura de atopar alguna alternativa para pagar menos na nosa declaración a Facenda? Habelas hailas eh! E legais como é o caso do ministro Pedo Duque. Quen? Por iso é fácil ver a palla no ollo alleo e non decatarse da viga no propio. A “escopeta nacional” está cargada e disposta a disparar agora a aquel que faga un movememto sospeitoso no goberno que preside Pedro Sánchez: natural, outrora tocoulle a outros. Non é casual que catro, catro! dos compoñentes do actual goberno foran alcanzados polas postas dos voraces cazadores. Non pretendo xustificar as irregularidades cometidas por algúns políticos camiñen estes pola esquerda ou pola dereita –en todos os lugares cocen fabas– , nada máis lonxe da realidade, só manifestar que son ramas do noso tronco social e o mesmo que un cidadán de a pe debe asumir as súas responsabilidades, o político fora de aforamentos, aceptar tamén as súas. A honestidade suprema, o comportamento inmaculado, a bondade infinita, a honradez absoluta, son só patrimonio de Deus, e Deus aínda non veu por aquí. Abofé.