Se falasen as paredes

Non hai cousa encuberta que cedo ou tarde non se saiba. Sentenza do refraneiro popular elevada á categoría de fórmula matemática que nos chega desde o ámbito británico como aviso para os tratantes da política institucional que son puro fervello á procura de artellar unha ecuación que dea coa maneira de sacar adiante un novo goberno para o Estado. É tempo de xuntanzas furtivas, de mensaxes trampa emitidos para facer que se mire cara outro lado mentres tanto se producen encontros interesados; eses que fan en restaurantes onde serven comida en espazos reservados. Negocios políticos en clave con código pechado a xeito dun iceberg do que só será visíbel un anaco pequeno. Conversas, discusións e acordos que levarán unha parte secreta, confidencial ou privada para alén da proclama solemne que atinxirá ás bondades dun pacto proclamado coma sacrificio feito a favor do interese xeral. Repetirase, máis unha vez, o procedemento de manual utilizado desde tempo inmemorial para casos semellantes. Nada novo, incluída a parte agochada. Porén, a ciencia que nos chega desde o mundo universitario saxón sentenza o tempo límite no que será revelado esa parte enigmática do trato pechado polos distinguidos comensais chamados a configurar o pacto de gobernación. Non haberá que laiarse de “se falaran as paredes, non habería segredo que non se soubese”. Certamente, con este singular xeito de cálculo matemático, o dito popular a conto sabe que “quen se fía do segredo das paredes, sae vendido moitas veces”; porqué “o que pensa que as paredes calan, ben enganado anda”.
Velaí o achado dun modelo de probabilidade, contado polo investigador de Oxford que vén de publicar un estudio sobre a viabilidade da certeza a respecto de certas intrigas, operacións encubertas ou segredos oficiais que deron pé a construír verdades alternativas no imaxinario da xente. Di, o divulgador científico inglés, que o tempo en revelarse un segredo é inversamente proporcional á xente que sabe del. Mesmo cuantifica enigmas estendidos, caso da suposta existencia dunha cura do cancro que as farmacéutica ocultasen. Tardaría tres anos en saberse.
A botella ao mar que lanzou, fai dezaseis anos, un mariñeiro galego nas illas Malvinas agora arribada á de Tristán da Cuña tardou infinitamente máis do que durará a confidencia dos mediadores na futura coalición de goberno porqué “na boca do lareta non hai cousa secreta”. Nin soterrada, xa que “por moito que demo cave, todo se lle sabe”. 

Se falasen as paredes

Te puede interesar