Liberdade de prensa

|

O  pasado día 3 foi o “dia da Liberdade de Prensa” e en Ferrol tivo lugar un acto importante relacionado con isto : a entrega no teatro Jofre do “XIV Premio José Couso” á xornalista galega Julia Otero, elixida en rigorosa votación polos socios do Club de Prensa de Ferrol e o Colexio de Xornalistas de Galicia. Como é lóxico e natural nunca chove a gusto de todos por moi democrático que sexa o proceso, pero así é e case sempre acértase na elección. Ben, pois esta efeméride lévanos á reflexión sobre a liberdade nos medios de comunicación e a considerar, visto como están as cousas, se houbo avance positivo nisto de contar a verdade sen condicionantes. Os dous manifestos , o de Marta Corral lido no Cantón diante do monumento “As Ceives” e o de Xosé G. Palmeiro no teatro, xunto coas palabras da propia Julia Otero incidían e coincidían nas reivindicacións dunha liberdade que a estas alturas se sente vulnerada.
Unha das premisas fundamentais do xornalismo consiste en que os xornalistas poidan contar a verdade libremente, sen censura previa e sen coaccións. A liberdade de prensa susténtase tamén noutra liberdade que é a de expresión própia de unha sociedade cun sistema político democrático. Partindo destas premisas seria bo considerar se nun país onde se secuestran libros, onde se censuran e retiran imaxes dunha exposición aludindo que non son “correctas”, onde se mete na cárcere a un músico por cantar catro verdades, cando a Lei de Protección e Seguridade Cidadá chamada “lei mordaza” segue afectando á prensa como unha ameaza palpable ao dereito de liberdade de expresión, unha lei que, segundo o Internacional Press Institute perxudica ao pobo español no seu dereito ao acceso á información sobre aspectos de interese público, díganme de que liberdade de prensa e de expresión estamos a falar.
Se existise unha verdadeira liberdade de prensa seguramente non estariamos a falar do “Día da Liberdade de Prensa”: non sería necesario. A morte, coa repugnante aleivosía de eliminar ao mensaxeiro, do cámara ferrolán José Couso dou pe á creación deste premio no se que valora o traballo dun xornalista ou asocioación fiel aos principios no que se sustenta a liberdade de comunicación, a un xornalista que non muda a chaqueta segundo de que lado sopre o vento e disposto a contar a verdade caiga quen caiga. Non o teñen nada doado porque xestionar a liberdade nun sistema que a esculca nunca resultou fácil pero debemos persistir no logro da utopía.

Liberdade de prensa