Inmigrantes: todo normal?

especto dos inmigrantes na Galiza cada día leo unha valoración distinta sobre a porcentaxe que representan no total de habitantes. Resulta evidente que non está claro o tema, cando tendo a man os dados cada quen os interpreta dun xeito distinto. Por exemplo, un dixital hai uns días dicía que vivían no noso país menos de 100.000 inmigrantes, que polo tanto era unha proporción mínima respecto do total da poboación, razón pola que o proceso de integración e a conflitividade era ínfima, máxime cando ademais fomos un pobo de emigrantes. Agora ben, en realidade estes dados non son correctos, e o proceso de integración debe ser analizado dun xeito máis detido. 
Coido que son inmigrantes na Galiza, e en calquera outra nación que teña unhas características de seu moi especificas (non son a lingüística), todas aquelas persoas nacidas fóra do territorio. E teñen este perfil unhas 370.000 persoas residentes no país, ou sexa o 13,7% (delas 221.963 nacidas noutros estados do mundo, e 147.378 noutras autonomías e nacionalidades do Estado español). Outro dado interesante, as persoas nacidas na Galiza que viven no conxunto do Estado son 2.673.000, menos que os habitantes que residen no noso país, 2.701.000. O que representa un cambio histórico, xa que en termos netos pasamos de ser un país de emigrantes a un de inmigración, malia que perdemos poboación. 
Quérome deter neste último aspecto. Sei que moitas das persoas nacidas no exterior son descendentes de galegos e galegas que emigraron no seu día, daquela que seu proceso de integración poda ser máis doado e mesmo ser total. Mais esta realidade, especialmente cando se trata de retornados de Europa e do resto do Estado español, non se corresponde con ter ou non a cidadanía, como é lóxico. Asemade, os atrancos á integración non só responden á falta de conexión histórica e a obter ou non a cidadanía, xa que un 54% das familias emigrantes cando proceden de América Latina están por debaixo da liña de pobreza. 
Reducir artificialmente a importancia da inmigración na Galiza pode que sirva como arma contra a xenofobia, mais ao mesmo tempo resta valor a este colectivo e aos problemas aos que se enfronta e ao proceso de integración. A cuestión non se resolve só abrindo as portas. Importa o aceso ao emprego e as condicións laborais, así como a participación na mobilización social e no ámbito da cultura e da actividade sindical e política. Negarse a ver a realidade, ou adaptala ao interese particular ou de grupo, constrúe guetos que non se ven até que un día estoupan. 

Inmigrantes: todo normal?

Te puede interesar