Escribín eu días atrás e publicou este xornal un artigo titulado SAE 5000

|

Escribín eu días atrás e publicou este xornal un artigo titulado SAE 5000 sobre a adxudicación dun contrato para a construción de nove fragatas para a Armada Australiana. Nel facía unha serie de conxecturas, apelando ao apoio dos políticos, do goberno central principalmente, para acadar a firma de tan suculento contrato a favor do noso país e moi especialmente beneficioso para Ferrolterra durante unha morea de anos. A contía do mesmo é o suficientemente importante para botar o resto coa intervención das máximas instancias do país. Agora, soamente dous días máis tarde a dura e decepciónante realidade lévame a pensar que o meu artigo é como predicar no deserto.
Os políticos, os de aquí e os de acolá, só pensan nas súas propias ambicións. Non se salva ningún, todos sen excepción non teñen outra meta que a consecución de votos a calquera prezo, guiados pola ambición de poder e polo que ordena o partido. 
Todos cuspidos, os mesmos cans con distintos colares, eles van ao seu anque se afunda o país, que xa o teñen ben afundido. Estou a falar de Rajoy, Sánchez, Rivera, Iglesias, e de tódolos seus comparsas.
Os periódicos botan fume estes días con titulares en primeira plana que falan de corruptos e de corrupción xeneralizada en todo o país. Mesmo semella que desfrutan coa situación, aplicando aquelo de que canto peor, mellor. Por se xa fora pouco a grave situación coa loucura e o pandemonio catalá agora ven o señor Sánchez guiado soamente pola súa desmedida ambición de poder e presenta, sen encomendarse nin a Deus nin ao Demo, unha moción de censura ao goberno de Rajoy, nun quítate ti para poñerme eu. As consecuencias non se farán esperar, está ben claro que, con esta situación de incerteza, España non é de fiar, e non boto máis leña ao lume, que ben podería. Costa moito traballo ser comedido no falar ante os feitos que estamos a vivir. 
A pregunta é obrigada, con esta falta de credibilidade, ¿van os organismos responsables da adxudicación do contrato, e mesmo a opinión pública australiana moi interesada na construción das fragatas a elixir a Navantia como gañador da licitación en curso?.     
Por razóns obvias, non mandarei este decepcionante artigo ao prelo ata que se decida o contrato, fareino o día despois co titulo de “Triunfo do sentido común”, por parte dos australianos naturalmente. 
Ferrol 29/06/2018
Como era de esperar resolveuse o contrato dos 25.000 millóns a prol dos británicos de BAE Systems. España enteira e moi especialmente Ferrol perden unha ocasión de ouro para saír da situación de crise que nos afoga. Era a crónica dunha morte anunciada.
Alá vai, ao caldeiro, como se dicía nos meus tempos na Bazán, o máis grande contrato da historia da construción Naval no noso país.

Escribín eu días atrás e publicou este xornal un artigo titulado SAE 5000