CONTAS

Como mínimo de curiosas habería que cualificar as declaracións do señor alcalde desta abandonada poboación relativas á retirada de animais que ficaron varados nas nosas praias como consecuencia dos sucesivos temporais de que fomos vítimas. A ninguén se lle escapa que transcorrido certo tempo os seres vivos, todos eles, entran nun estado de descomposición, de putrefacción, que é o que lle aconteceu e está a acontecer a estes habitantes do mar. Xa levamos un tempiño con bo tempo e algunha xente comeza a frecuentar as praias. E os bechos seguen alí tal cal quedaron tras ser traídos polas violentas ondadas.
A súa pouco sabubre presenza é unha mostra máis da deixadez da que permanentemente dan mostra as nosas autoridades locais. Se cadra están agardando a que só queden os esqueletos, que, obviamente, son máis doados de retirar. O alcalde, como recollía o noso Diario de onte, declarou que non había medios porque agora mesmo se andaban a facer actuacións importantes de limpeza nos barrios, os lugares onde vive a xente, e iso é o prioritario. Non sei onde será, porque no que eu vivo e nos que frecuento non me atopei con ningunha destas importantes operacións de limpeza. Será por falta de cartos?
Comezou a semana tendo noticia de que a comisión de economía do noso concello decidiu liquidar o orzamento de 2013 do que quedaban 10,1 millóns de remanentes, o que vai permitir incrementar en 3 millóns os investimentos previstos para o presente exercicio.
O concelleiro do ramo adiantou que eses cartos, presumiblemente, serían destinados á mellora de viarios, urbanos e rurais, traballos de mantemento de instalacións e edificios municipais e melloras de espazos públicos. Como deixaron patente os tres grupos da oposición é grave chufarse de cerrar exercicios con remanentes millonarios, máxime se temos en conta o estado de decrepitude na que todo se encontra: a vila está a caer por tódalas partes que se miren e moitos habitantes teñen moi graves dificultades para poder vivir en mínimos, mentres o grao de execución dos investimentos está por debaixo do 50%. Non se pode aforrar no presupostado.
É unha tomadura de pelo ó pobo, que é quen sostén o concello cos seus impostos.
Por se fose pouco, non estás nada claros os porqués de boa parte das actuacións. Que dicir de volver a investir (tirar, dilapidar ou similares) na praza de España? Por que se fan obras na praza do Inferniño, retirando o palco cando os veciños e usuarios non parece que estean de acordo? Por que se comezan unhas obras en Ultramar (substitución duns bancos que non teñen nada de malo, cambiar árbores ou a estatua de lugar) sen antes consultar o parecer dos veciños, o que consideraron unha “falta de consideración”. Segundo a AVV había prioridades antes que estas como a de habilitar accesos para persoas con capacidade mobilidade reducida.
Algo cheira mal, ademais da ría que tampouco ve chegado o día da súa depuración e rexeneración. Que será será/What will be wil be..., que cantaba Doris Day cando a miña nenez?

CONTAS

Te puede interesar