Xa estamos no 2017. Isto de que vaian pasando os anos, sobre todo cando un é vello non é tan doado como cando estabamos a desexar que pasara o tempo para chegar a maior e facer cousas que, por lei da vida, tiñan que acontecer. Mesmo saír de noite, coñecer a rapazas ou rapaces, votar unhas risas e pasalo ben. Aínda así sego a pensar que cada ano que pasa invita ao optimismo, pese a que a vida xa deu leccións dabonda de que, máis veces que menos, o que un soña non ten nada que ver coa realidade. Por iso mesmo penso xa en cousiñas pequenas, agás iso outro de que a familia e os amigos, e en xeral todo o mundo, non teñan queixa nin nada polo chorar, que tempo haberá sobrado para iso. Mesmo son optimista con que o goberno ferrolá, nesta cidade na que me tocou vivir e á que ben quero, dea por fin mostras de que algo está a facer, aínda que sexa pouco, pero algo a fin de contas. Visto o visto ata aquí talvez peque de excesivo optimismo, pero penso que non pode ser que nada mude de xeito irrefutable. Os soños, soños son, que dicía o poeta. E, ademais, son baratos...